Betanzos emite cinco ordes de execución contra os propietarios de inmobles en mal estado

La Voz BETANZOS

BETANZOS

Imagen de archivo de una casa que sufrió derrumbes en Betanzos
Imaxe de arquivo dunha casa que sufriu derrumbe en Betanzos César Delgado

Reclama que acometan actuacións urxentes de seguridade e rehabilitación

03 oct 2023 . Actualizado ás 19:49 h.

O Concello de Betanzos esixe aos donos dun inmoble situado na esquina de Sombreireiros 2 e rúa Travesa 16 a execución, nun máximo de 48 horas, dos traballos incluídos na orde de execución remitida polos técnicos municipais para estabilizar o inmoble e evitar a caída de elementos sobre a vía pública. En caso contrario, o Concello realizará as obras. O concelleiro de Urbanismo e Centro histórico, Diego Fernández, explicou que aínda que a intención dos propietarios era executar os traballos requiridos para apontoar a vivenda, a demora nos mesmos fixo que a situación do edificio empeorase e que haxa que actuar de forma urxente sobre o mesmo. Por esta razón, o Concello acordoou o acceso á rúa Sombreireiros desde a rúa Travesa. 

Diego Fernández precisou que o requirimento municipal forma parte do traballo que se está realizando por parte dos servizos técnicos municipais en canto a seguimento e vixilancia de inmobles que se atopan en malas condicións de conservación e sobre os que pesan ordes de execución.  

Xunto a esta actuación, o Concello decretou varias ordes de execución nos últimos días, na rúa do Ouro número 2, na rúa Marina 71,  rúa Nova 55 e rúa Marina 63. No primeiro dos casos, indican que é un edificio sobre o que os propietarios terían que ter actuado xa e no que despois de comprobar que non se executaron os traballos requiridos por parte do Concello dáselles un novo prazo, establecido por lei, para a adopción de medidas de seguridade de xeito inmediato. 

 En canto a rúa Marina 71 abren unha orde de execución para que os propietarios presenten unha solicitude de licenza ou comunicación previa de obras necesarias para restablecer o cumprimento de deber de conservación do inmoble: rehabilitación da envolvente do edificio. Ademais, nun prazo de 15 días deberán reforzar o apuntamiento e instalar unha protección da circulación pola rúa. 

 En rúa Nova 55, os servizos técnicos requiren ao propietario a colocación dunha malla de protección para evitar desprendementos á vía pública no prazo de 7 días; e a presentación dun proxecto de reposición das fachadas. 

Mentres, que no edificio de rúa Marina 63 requírese ao propietario a toma de medidas de seguridade no prazo dunha semana con colocación de malla e sinalizacións, ademais de reclamar un proxecto de rehabilitación do inmoble. 

 No caso de que os propietarios incumpran os requirimentos desde a Administración local, o Concello procederá á execución forzosa dos traballos mediante a imposición de multas coercitivas por importes que van desde 1.000 a 10.000 euros reiterables trimestralmente.