Obras municipais obrigan a pechar dous bares en Fonte de Unta

D. Vázquez BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

CESAR DELGADO

As hostaleiras cuestionan que non se realicen estes traballos no inverno

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As Calexas de Betanzos, a clásica zona de viños, finaliza nun espazo de soportais, xa na rúa Fonte de Unta, onde están os bares O Paxeiro e Petisco Carola, dous negocios que levan desde o luns sen poder atender convenientemente á súa clientela polas obras de mellora da traída de auga. As hostaleiras Rosana Victoria Jofre e Betty Muíño denuncian que ninguén lles avisou e os obreiros anunciáronlle que hoxe lles cortan a auga. «Chegamos o luns e estaba todo cortado, con ferramentas, tubaxes, terrible», explica Betty Muíño, que recoñece que era unha demanda veciñal porque non había presión de auga na zona, «A obra era necesaria, pero non neste momento», explica. Coincide con ela Jofre, a quen o rebumbio lles impediu dar comidas. «Onte estaba todo alagado, perdo días e diñeiro», comenta apesadumbrada, xa que di que todo este mes de maio reciben a moitos peregrinos e que tamén conta con clientes fixos para tomar o menú. «Se o soubo abría o domingo, polo menos, recuperaba un día», asegurou.

Desde o Concello indícase que a previsión é que as obras, previas a unha actuación maior, conclúan hoxe e que se avisou aos afectados.