Betanzos busca as súas estrelas

caterina devesa BETANZOS

BETANZOS

cedida

Pais dos nenos que pintaron o globo que non voou fan un chamamento para recuperar os debuxos

19 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os betanceiros continúan chorando por un globo que este ano non puido saír como viña facendo de forma ininterrompida desde 1964, ano no que a esfera quedou enganchada na torre do campanario da igrexa de Santo Domingo. Tras a sorpresa inicial, moitos foron os que se dirixiron espontaneamente cara á zona de lanzamento para facerse cun trocito de papel do errado aeróstato.

«Acórdome de ver a Roque, un dos nenos que pintaron as estrelas do meu debuxo, chorar desconsolado e berrar ‘non, o meu globo non' mentres o seu pai buscaba desesperado o anaco do globo coa súa estrela verde. Ao final atopouna e vana a enmarcar como recordo», conta Luis Galán, un dos encargados da decoración da esfera. El mesmo recuperou varios pedazos da súa ilustración do astronauta, e actual Ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque. «Algo farei con eles, non sei aínda o que, pero son moitos os pais que me están escribindo para intentar localizar os debuxos dos seus fillos».

Outra das nenas que participou na decoración do aeróstato foi Mireia Pita. Como o resto da cidade, ela tamén sufriu por non ver voar ao globo. «Foi unha pena porque as nosas estrelas non puideron chegar ao ceo. Estou triste, pero polo menos recuperei uns anacos da esfera e témolos en casa de recordo». Uns pedazos de papel que consolan aos miles de betanceiros que aínda non se repoñen dun acontecemento que agardan non volver presenciar.

«Eu quedo co brillo nos ollos de péquelos e dos pais que compartiron comigo un cuarterón do globo. Fallounos a NASA, pero non nos pararán. O ano que vén máis estrelas e tocaremos o ceo», di Luis Galán, que engade: «De todo hai que sacar o lado positivo».