Bergondo recorrerá que non se acepte unha alternativa para o baipás de Infesta

D. Vázquez BERGONDO

BERGONDO

cedida

O ministerio asegura que non é viable tecnicamente, pero o Concello defende que é «máis sensata, económica e xusta»

22 ago 2025 . Actualizado á 15:07 h.

O Concello de Bergondo comunicou este venres a súa intención de recorrer a decisión do Ministerio de Transportes de non contemplar a alternativa proposta polo goberno local para o proxecto de supresión do baipás de Infesta ao concluír que «a alternativa 5S proposta non resulta viable tecnicamente».

O ministerio responde así as alegacións presentadas polo Concello ao Estudo informativo para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León - A Coruña e Betanzos Infesta-Ferrol. O organismo estatal xustifica que a solución inicial «conta cun trazado que cumpre a normativa, non supón problemas futuros na explotación do ramal, non afecta directamente a ningunha vivenda, edificación industrial nin instalación da subestación e ademais conta cun informe de impacto ambiental aprobado».

Con todo, o goberno de Bergondo considera que esta solución, denominada Alternativa 6, «afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e territorio» mentres que a Alternativa 5S proposta polo Concello é «máis sensata, máis económica e máis xusta». O Concello presentará nas próximas semanas, dentro do prazo aberto.polo ministerio, o seu recurso a esta decisión, xa que considera que os argumentos expostos polo ministerio non se corresponden á realidade xa que «a solución proposta afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e ao noso territorio, sendo altamente daniña contra unha zona concreta e afectada da parroquia de Cortiñán».

Lembran que «aínda que a vía non pasa por amais de moitas vivendas déixaas na zona de servidume do ferrocarril, quedando atrapadas e mutilando o urbanismo nunha zona urbanizada xa que non se poderá construír nada nun futuro». «Están a transformar ese chan en residual, con propiedades devaluadas ou directamente invendibles, algo que nin é lóxico, nin é humano, nin é politicamente admisible para esta Administración», afirman. A alternativa proposta polo Concello de Bergondo, que denomina 5S, supón unha adaptación dos trazados estudados nas alternativas 5 e 6 da Administración estatal. Recolle un primeiro tramo xa contemplado na alternativa 5, modificándoo economicamente ao trasladar o entroque coa vía existente para suprimir un primeiro viaduto «innecesario» ao seu entender sobre a estrada provincial. Modifica a continuación o trazado posterior e entronca co último tramo estudado da alternativa 6.

«Parécenos máis sinxela, máis social, moito máis económica, con menos expropiacións, afastada da zona urbana e afectando só, e de forma pouco destacable, a unha zona industrial», explican desde o goberno local. Ademais de afastar o trazado das edificacións existentes, a solución proposta polo Concello minora os viadutos. Entende que non sería necesario o primeiro viaduto sobre a estrada DP-0105 xa que a bifurcación da vía se realizaría uns metros máis adiante, en campo aberto. Tan só na zona ocupada por Talleres Suárez e Loureda habería que proxectar un viaduto, máis económico, e tamén unha ponte para cruzar a N-6.

A conclusión á que chegan desde o Concello é que «con esta solucio?n non se deixan vivendas capadas e atrapadas na zona de servidume do ferrocarril, nin se expropian propiedades privativas de cidadáns, que tampouco se ven afectadas polo son do tren, xa que as actuacións se trasladan ás zonas forestais ou industriais, sen afeccio?n da paz precisa nos fogares».  Para o goberno municipal o efecto da súa proposta é tripla, «o econo?mico, a proteccio?n do cidadán e a proteccio?n do territorio de Bergondo».