Bergondo licita o asfaltado de catro viarios do polígono industrial por 127.093 euros

La Voz

BERGONDO

C.B.

A actuación contempla obras nas rúas Parroquia de Guísamo, Vixoi, Lubre e Cortiñán.

25 jun 2025 . Actualizado á 13:39 h.

Bergondo sacou a licitación as obras de renovación do firme en varios tramos do polígono industrial por 127.093 euros. Esta actuación ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación e seguridade nunha zona na que se concentran numerosas empresas e onde o tráfico pesado é constante.

O Concello recoñece que, na actualidade, o estado de ningúns dos viais do polígono presenta unha notable deterioración na capa de rodaxe, con numerosos danos producidos polo paso continuo de vehículos de gran tonelaxe. Con todo, matiza que os informes técnicos non detectaron danos estruturais no firme, polo que a intervención se centrará exclusivamente na renovación superficial do pavimento.

 O proxecto municipal contempla a intervención nas rúas Parroquia de Guísamo, Parroquia de Vixoi, Parroquia de Lubre e Parroquia de Cortiñán. En todas elas executarase o fresado do firme existente ata unha profundidade de cinco centímetros, e posteriormente estenderase unha nova capa de aglomerado asfáltico coas características técnicas adecuadas para soportar o tráfico da contorna industrial. Previamente, aplicarase unha rega de adherencia con emulsión bituminosa para asegurar a correcta fixación das capas. Está prevista a reparación puntual dos marcos de formigón de arquetas e pozos, naqueles puntos onde sexa necesario, e a reposición completa da sinalización horizontal orixinal sobre a nova capa de rodaxe.

 «O polígono de Bergondo é unha infraestrutura estratéxica para o municipio, tanto polo volume de emprego que xera como polo seu papel no tecido económico comarcal. Con esta actuación respondemos a unha demanda do propio sector empresarial e seguimos apostando pola mellora continua dos nosos servizos e infraestruturas produtivas. A seguridade viaria e o bo estado dos viais son fundamentais para garantir a competitividade do polígono e a actividade diaria das empresas que operan en el», indican desde o goberno local.