
López Cao prepara o recinto termal por 2,7 millóns de euros. O Concello licitará este mes a conversión de dúas plantas do vello hotel en zonas de estudo
07 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Concello de Arteixo iniciou esta semana as obras da casa de baños do balneario, que foron adxudicadas por 2,7 millóns de euros á empresa López Cao. Estes traballos contan cunha subvención de dous millóns de fondos europeos que xestiona a Xunta, que autorizou a firma dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Arteixo para a rehabilitación da casa de baños.
Doutra banda, o goberno local de Carlos Calvelo tamén avanzou que durante este mes licitarase por preto de 1,6 millóns a última fase das obras do edificio anexo, o antigo hotel. Aquí reformaranse a planta primeira e segundo para crear un espazo dedicado aos mozos co concepto dos agora denominados espazos maker (dotados de tecnoloxía audiovisual e dixital). Noutra planta instalarase unha grande aula de estudo que complemente as actividades da biblioteca central.

A planta baixa deste edificio foi a primeira en rematarse no 2022, cun centro de día para os veciños máis veteranos á vez que se reserva un espazo cunha pequena escola infantil, un lugar que permite conciliar ás familias. No xardín exterior instaláronse unhas bancadas que permiten a realización de eventos como concertos, ademais de dispor dunha zona verde que utilizan nenos e maiores dentro das súas actividades diarias. O investimento da planta baixa xunto co axardinamento foi de 768.000 euros. Todo o complexo do Balneario de Arteixo fora comprado polo Concello grazas a unha doazón de 3 millóns de euros da Fundación Amancio Ortega.
Un ano despois, a finais do 2023, abriuse ao público a capela do balneario, un pequeno edificio na esquina da praza que agora recibe o nome da Capela. As obras, cun presuposto de medio millón de euros, permitiron convertela nunha sala multiusos, preparada especialmente para actividades culturais, como concertos, exposicións ou presentacións de libros.
Agora abórdase a construción da casa de baños, que permitirá recuperar o antigo balneario, «modernizando e ampliando o edificio existente e adaptándoo aos novos tempos con tratamentos e servizos orientados ao uso cidadán», explican fontes do Concello.

A edificación orixinaria data do ano 1760, cando se creou o balneario con todos os seus elementos. A superficie da parcela da actual casa de baños é de 505,80 metros cadrados, repartidos entre a edificación (400) e o patio exterior (105,80), onde se instalará unha piscina cuberta cun teito acristalado, unha das maiores innovacións coas que contará a obra.