«Non parei de berrarlle que non me matase cando me tiña un cristal no pescozo»

ARTEIXO

Garda Civil

O berro desesperado da prostituta que o luns sufriu un intento de violación nun club de Arteixo permitiu deter a un home, veciño de Nantón, no Concello de Cabana, que finalmente foi posto en liberdade; acúsaselle de 8 delitos que puido cometer en apenas unhas horas

29 jun 2024 . Actualizado á 10:50 h.

O home detido o luns despois de protagonizar un violento altercado nun club de alterne de Larín (Arteixo) só estivo unha noite no calabozo. Unha vez que pasou a disposición xudicial, a titular do xulgado de Instrución número 4 da Coruña, en funcións de garda, decretou a súa posta en liberdade e o individuo, veciño da parroquia de Nantón, no Concello de Cabana, de 28 anos (cumprirá 29 o próximo 30 de xullo), quedou investigado por ata oito delitos: roubo, ameazas, agresión sexual, lesións, violación de morada, detención ilegal, desobediencia e atentado á autoridade. Todo nunhas poucas horas. Impúxolle ademais a orde de non achegarse ás dúas mulleres ás que supostamente agrediu. Este home fora detido no 2021  pola Garda Civil, un presunto delito de violencia de xénero.

O luns pasado, segundo o atestado da Garda Civil, presentouse sobre as 10 da noite nun club de Arteixo. Aí chegou co coche que lle roubara á súa noiva, con dúas bolsas de cocaína e cos petos cheos, pois tamén lle subtraera 1.300 euros que ela gardaba na casa. De feito, á mesma hora que o cabanés entraba no prostíbulo, a parella facíao no cuartel de Carballo para denuncialo.

Segundo declararon as mulleres que se atopaban nese momento traballando, nada máis velo acceder souberon que algo malo ía pasar porque «estaba moi alterado». Primeiro achegouse á camareira e díxolle que quería «unha moza». Inmediatamente, foise cara a unha muller, agarrouna polo brazo e subiron á primeira planta. «Ofreceume unha raia de cocaína, contesteille que estaba tolo e empezou a dar patadas a todo o que vía», declarou unha das vítimas. Volveu á planta baixa e regresou á primeira intentando convencer unha moza de que se fose con el a un cuarto. «Agarrábaa polo brazo», lembra unha das denunciantes. Niso apareceu o encargado, que tras forcexar con el logrou expulsalo. Mentres o acompañaba á porta, o suposto agresor esixíalle que lle entregase as gravacións de seguridade. Unha vez que saíu ao exterior, pecharon.

O home intentou entrar aporreando a porta. Deixaron de oílo, e uns minutos despois escoitaron os berros dunha compañeira, que saían dun cuarto do piso de arriba. O individuo logrou coarse por unha fiestra tras romper o cristal. «Subimos rápido e atopámonos coa porta pechada. Intentei botala abaixo a fartar, pero non puiden, e chamei á Garda Civil», segundo declarou o encargado. «Non paraba de berrarlle que non me matase, mentres el me puña un anaco de cristal no pescozo e me aprisionaba contra un espello. Como eu me negaba a manter relacións con el, intentou forzarme», apuntaba a muller.

Mentres, tanto o encargado como as traballadoras seguían intentando abrir a porta. Fíxoo el, «pero sen soltar á moza nin quitarlle o cristal do pescozo, berrando que a ía a matar», lembrou unha das denunciantes. Entón chegou a Garda Civil e, primeiro con palabras amables para que liberase á muller, e logo co uso da forza, lograron porlle as esposas. Non contento con todo iso, agrediu a dous axentes.