Trasladado ao hospital tras un choque entre dúas furgonetas en Aranga

La Voz A Coruña

ARANGA

Cedida

Outra condutora necesitou asistencia na A-6 tras sufrir unha saída de vía a causa da saraiba

10 feb 2024 . Actualizado ás 14:05 h.

Dous accidentes en Aranga ocorridos este sábado cunha diferenza de menos de dúas horas obrigaron a intervir aos servizos de urxencia. No primeiro deles, a condutora dun vehículo que circulaba pola A-6 á altura do desvío cara a Montesaeiro sufriu unha aparatosa saída de vía a causa da saraiba e acabou impactando contra a mediana. Sucedeu ao redor das 10.51 horas no quilómetro 549 da autovía. O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Curtis acudiu ao momento para prestar axuda á muller que, tras ser atendida tamén polos servizos sanitarios, non necesitou ser trasladada ao hospital. A central de urxencias do 112 tamén informou do sucedido a Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da estrada.

Unha colisión entre dúas furgonetas no quilómetro 5 da AC-230, tamén no termo municipal de Aranga, si que obrigou a trasladar a un centro hospitalario a un dos condutores implicados no sinistro. Os efectivos do GES de Curtis atopáronse co choque ao redor das 12.30 horas cando volvían de colaborar no outro accidente e alertaron ao 112 para solicitar asistencia médica para un dos condutores. Ao parecer, o choque produciuse porque un dos vehículos saltouse un sinal de stop no cruzamento da Queimada.