Lambón Coffee Counters, o café de especialidade e a cookie perfecta chegan á zona do mercado de San Agustín

Patricia García Lema
Patricia García A CORUNA

Á ÚLTIMA

Gonzalo e Julia acaban de estrear este local de café para levar, co que renovan imaxe e no que hai unha parte da vida deste matrimonio en Filipinas, como un ricísimo biscoito vegano feito con pandan, unha planta tropical do sueste asiático

12 abr 2024 . Actualizado á 22:16 h.

O café de especialidade vive o seu mellor momento na Coruña. Esperar na cola para gozar dun bo latte con avea e un doce caseiro converteuse xa nunha tradición da fin de semana na cidade. Para os amantes destes praceres, Gonzalo e Julia teñen unha nova proposta: Lambón Coffee Counters, o seu local de café de especialidade, doces e snacks no número 13 da rúa Praza, xusto enfronte do mercado de San Agustín. Un proxecto moi esperado por este matrimonio, que empezou cun pequeno posto de café de especialidade na segunda planta do mercado da praza de Lugo, e que agora espera facer gozar de bo café e boas historias á contorna de San Agustín. Ademais, entre as propostas do seu novo local hai un produto que aspira a converterse na estrela de Lambón: o seu cookie de chocolate e noces pecanas, unha galleta que aseguran, «é a cookie perfecta».

«O café pode ser delicioso e existe a cookie perfecta: a nosa», aseguran Gonzalo e Julia. Ela é dos Estados Unidos e el da Coruña, e viviron durante anos en Manila, en Filipinas. Cando a familia empezou a crecer (son pais de dúas nenas), decidiron volver botar « raíces nalgún lugar e aterramos na Coruña, ao principio sen ter un plan de futuro demasiado claro». Había algo que si lles apaixonaba: o café e a vida na cidade. «A idea era crear algo que se sentise como coñecido, como de casa, que fose reconfortante. Algo que se puidese gozar no día a día, pero especial ao mesmo tempo, cun punto atrevido, interesante e con moito carácter. E así foi como naceu Lambón».

ANGEL MANSO

Para os dous é un reflexo da súa vida. Contan que o seu café «se coida ao detalle». «Traballamos con café de especialidade de orixes diversas, tostado por torradores de confianza, principalmente Singular, do Grove». Conta Gonzalo que o mesmo esmero e coidado dedícano tamén ao resto da carta de bebidas, onde hai espazo para o matcha, o hojicha, o chai, o chocolate quente «ou as creacións de tempada como o strawberry matcha ou o honey latte». Outra parte importante de Lambón son os doces que realiza de forma caseira Julia no obradoiro co que contan. «Non só queremos que os doces sexan un bo acompañante do café, tamén reflicten un punto de nostalxia das nosas experiencias pasadas».

Unha das súas estrelas é «Perfect Cookie», «inspirada en nosa cookie favorita de sempre, con chunks de chocolate, neste caso bean-to-bar, noces pecanas e textura zumenta. Recoñecemos que é atrevido dicir que é perfecta, pero para nós éo!». Outra parte importante son as opcións veganas que incluíron entre os seus doces. En especial, destaca o bautizado como Pandan Coco Loaf, «unha chiscadela vegana ás orixes de Lambón no sueste asiático e ás sobremesas que alí utilizan como ingrediente o pandan, unha planta tropical». O seu sabor é difícil de esquecer e engancha. Destacan que todo está feito de forma artesá e a man, incluídas as láminas que decoran o local, con fotos elaboradas no propio obradoiro de Lambón, ou unhas preciosas cuncas azuis, coa imaxe corporativa de Lambón, elaboradas de forma artesá en Buño. «Cremos que é o xeito máis honesto de que os nosos clientes descubran, sorpréndanse e gocen do que lles ofrecemos».