Río Río, un estudo creativo de tres madrileños que atoparon a inspiración en Betanzos

Patricia García Lema
Patricia García A Coruna

A La ÚLTIMAS

Andrea, Miguel e Pablo descubriron Galicia a través da fundación CIEC e decidiron que este era o lugar perfecto para traballar. Acaban de abrir este espazo na converxencia do vos ríos Mendo e Mandeo, no que dan clases de cerámica e agardan ofrecer máis cursos e talleres monográficos ao público

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

En novembro, Andrea Pavón e Miguel e Pablo Muñoz deixaron Madrid e Alcalá de Henares para instalarse en Betanzos. A gráfica uniunos e coñeceron a localidade a través da fundación CIEC. Primeiro veu Pablo a facer un curso no centro internacional de estampa contemporánea. «Despois enganchei a Andrea e a Miguel, volvemos ese verán, vimos o ambiente, e despois de dous anos, pensamos que era o lugar perfecto para desenvolver o noso proxecto». Así foi como naceu Río Río, o seu estudo creativo de cerámica, serigrafía e mosaico, que ocupa o baixo dunha antiga fábrica de galletas no número 37 da rúa Marina .

M. M.

O nome é unha chiscadela a Betanzos e a localización do estudo: «Xusto o local está situado na converxencia dos ríos Mendo e Mandeo». Tamén era unha idea que Pablo tiña na cabeza: «Sempre me preguntei se habería un río que se chamase Río». Neste espazo cada un deles desenvolve a súa propia obra. Tamén están abertos ao público para ofrecer clases de cerámica, que xa están en marcha, e agardan pronto poder organizar cursos e talleres monográficos de distintas disciplinas. Andrea é a encargada da cerámica. «En Madrid traballaba nun lugar no que daba clases de cerámica. Agora aquí podo traballar cun forno de gas, que é algo que actualmente non se fai demasiado. Nas clases, que están abertas a todos os niveis, trabállase para entender e coñecer todos os procesos da cerámica». Os alumnos aprenden de cero: «Mola ver o proceso completo, tanto crear a peza, como os tempos de secado, o esmaltado e ver as diferentes técnicas construtivas e decorativas».

Xusto ao lado da zona de cerámica está o espazo no que Miguel realiza as súas obras de mosaico. E noutra dos cuartos deste estudo, Pablo traballa no seu deseño de serigrafía. Tamén é o lugar no traballan na súa marca de téxtil Perita Kodama. Os tres coinciden en que hai «moito ambiente artístico en Betanzos». A súa idea é crear sinerxías con outros artistas da zona. Para os tres é clave a fundación CIEC, á que «chega xente de todo o mundo cada dous meses». Están encantados coa vida tranquila de Betanzos. «Estamos moi contentos. Estamos a traballar no que nos gusta e abertos ao que xurda».