O Tendal Vintage, a tenda de roupa de segunda man con pezas que contan historias

Á ÚLTIMA

Patricia e Yolanda Gorgal son irmás e as creadoras deste espazo na rúa Ramón da Sagra, que se inspira nos tendais das casas de Venecia e que quere, como cando se secaba a roupa polas fiestras, que a xente «brille sen necesidade de esconderse»

29 dic 2023 . Actualizado á 13:36 h.

As casas de Venecia, cos seus tendais cheos de roupa mirando á rúa, foron o punto de partida dO Tendal Vintage, a tenda de roupa de segunda man das irmás Patricia e Yolanda Gorgal. Situada no número 16 da rúa Ramón da Sagra, xusto na esquina con Federico Tapia, entrar nesta tenda é como entrar nunha casa: «Queriamos que a xente se sentise a gusto, por iso inspirámonos na decoración dunha casa, con fiestras, os tendais, madeira…».

ANGEL MANSO

Con Patricia e Yolanda está Valeria, a encargada das redes sociais deste proxecto. «Non se trata de vender un produto, senón a historia que leva detrás a peza», conta Valeria. «Queremos que a xente brille máis polo que é que polo que leva hoxe en día pola rúa». Esa procura do único e diferente está presente no nome do proxecto e a súa historia: o tendal. «Coas redes sociais a xente ten a necesidade de intentar encaixar ou, ás veces, de esconderse. Nós queremos facer todo o contrario. Antigamente, nos tendais, cando a xente colgaba a roupa vías todo o que tiñan. Quedaban expostas as camisas, a roupa interior… Sen vergoña ningunha, sen necesidade de esconderse. De aí vén o tendal. Pezas únicas como todos nós».

ANGEL MANSO

Con ese lema, na tenda unisex hai pezas que van máis aló das tendencias. Patricia e Yolanda encárganse de escoller un a un cada un dos tesouros vintage que ofrecen. «Temos distintos provedores de diferentes localizacións. Hai produto de Italia, de Reino Unido ou de España. A graza é que, nunha mesma tenda, xúntanse varias culturas, etapas e tendencias ao longo da historia». Levan pouquiño tempo abertas, pero están felices coa acollida. «Encántanos porque nos imos atopando sorpresas, como moedas antigas escondidas en pezas». Tamén gozan contando a historia da roupa aos seus clientes. «E tamén aprendemos con eles porque aquí todo o mundo é cómplice. É como un fogar».