Miss Vaixela, a nova tenda de cerámica portuguesa ao peso da Coruña

Patricia García Lema
Patricia García A Coruna

A La ÚLTIMAS

Krystel Arcay namorouse da cerámica nunha viaxe a Portugal. Agora na súa nave de Isaac Peral vende todo o necesario para pór unha boa mesa

15 oct 2023 . Actualizado ás 14:03 h.

«Todo empezou cunha viaxe que fixen coa miña parella por todo Portugal. Fomos parando en varias cidades e encantoume o sistema de venda de cerámica ao peso», conta Krystel Arcay, a propietaria de Miss Vaixela, a tenda de cerámica portuguesa ao peso que se acaba de estrear no número 36 da rúa Isaac Peral, xusto en fronte do parque de Vioño. Na súa nave de fachada negra e teitos altos recibe a todos os «ceramic lovers»: a súa tenda é o paraíso para as persoas amantes da cerámica, a decoración e as mesas bonitas.

Krystel ten 34 anos. «Traballei toda a vida como administrativa e comercial, nada que ver con isto. Pero o meu soño sempre foi emprender e ter o meu propio negocio. Vin esta oportunidade e pensei que era agora o momento perfecto». Confesa feliz que se levanta contenta todas as mañás e que os mellores momentos son o trato co público. «Está sendo unha etapa moi emocionante, pásanseme moi rápidas as horas traballando». O tempo váiselle entre pratos e boles e decorando mesas para dar ideas sobre como combinar as distintas vaixelas e pezas que vende .

ANGEL MANSO

En Miss Vaixela hai, sobre todo, pezas de gres que «é un material forte e resistente a impactos que pode ir ao forno, lavalouzas, microondas ou conxelador». Krystel explica que hai desde pratos que van ao peso a outras pezas como boles, cuncas, fontes para forno ou ensaladeras: «Temos tantos tons mates como con brillos, e desde cores máis neutros a pezas máis coloridas; e agora estamos a introducir tamén cristalería, cubertería e téxtil». En Miss Vaixela hai outro rinconcito destacado: un espazo para macetas e plantas que Krystel agarda seguir aumentando. «Ao final, se es fan da cerámica creo que isto é algo que engancha. É como ás persoas que lles encantan os bolsos ou os zapatos: cada certo tempo apetéceche renovalos».

Para aproveitar o espazo e que a xente poida pasar tamén un intre divertido en Miss Vaixela o vindeiro sábado 28 ofrecerá un taller de Halloween para pintar cabazas para nenos, que estará impartido por Wild Musa. «Este é o primeiro e imos probar. Seguramente poidamos REVISAR facer máis cousas para Nadal». Pensando nas festas, Krystel adianta que pronto empezarán a chegar á tenda as primeiras pezas con motivos do Nadal.