Segundo día de indignación no consulado móbil de Colombia na Coruña: «Quedamos a durmir na porta e nin así nos atenderon»
A CORUÑA




Decenas de colombianos residentes en Galicia quedáronse sen ser atendidos no consulado móbil do parque de San Diego
21 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Este sábado volveu ser unha xornada difícil para decenas de colombianos residentes en Galicia. No centro cívico de San Diego habilitárase desde o venres pola mañá un consulado móbil coa idea de que os cidadáns do país suramericano puidesen resolver trámites burocráticos urxentes. No entanto, todos os factores aliñáronse para truncar o triunfo da iniciativa. Primeiro, o sistema para pedir cita previa non funcionaba. E, aínda por riba, resultou que a grande afluencia de xente fixo insuficiente o equipo de administrativos do consulado que chegara á cidade. Estaban completamente desbordados e, no exterior do edificio, moitas persoas con problemas perentorios non puideron ser atendidas.
«Viñemos o venres desde As Pontes. Como non nos atenderon, quedamos a durmir aquí na porta. Unha señora que nos viu baixounos mantas. Faltei dous días ao traballo que están completamente perdidos, porque despois de todo isto nin sequera conseguín que me atendesen», laméntase Paula, unha das afectadas.
Lentos procesos
Cara ao final da tarde do sábado, coa hora de peche final xa achegándose no reloxo, eran os máis os que se mentalizaron xa de que non terían oportunidade de recibir a axuda dos profesionais da delegación diplomática. Diante quédalles un camiño que é de todo menos doado. Poden intentar pedir hora nos consulados permanentes que hai noutras partes de España, como Madrid. Pero incluso isto é unha dor de cabeza. Non só pola distancia, tamén polos lentos procesos. «Moitos quedamos sen poder renovar o pasaporte sequera. Intentarei pedir cita no consulado de Madrid, pero vai ser o mesmo. É case imposible que se che atenda. Necesitamos un consulado en Galicia», reivindica outro dos presentes entre resignado e indignado.