O BNG reclama á Xunta unha partida nos orzamentos de 2026 para a reforma integral do CEIP de Prácticas
A CORUÑA

A deputada Mercedes Queixas alerta do deterioro das instalacións e reclama un proxecto con cronograma e participación da comunidade educativa
18 sep 2025 . Actualizado a las 12:39 h.A deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, volve poñer sobre a mesa o mal estado e a deterioración do CEIP de Prácticas, situado no edificio da Normal. A nacionalista rexistrou unha proposición non de lei na que insta á Xunta a incluír nos orzamentos do 2026 unha partida específica para iniciar a reforma integral do centro.
Durante meses, a ANPA vén denunciando os problemas derivados da falta de mantemento por parte das administracións responsables, tanto a autonómica como a municipal. Entre as deficiencias máis graves destacan o mal estado da instalación eléctrica, as fiestras —chegando a caer unha delas ao chan—, así como o desprendemento de cascotes na fachada principal, nunha zona de paso habitual das crianzas.
Queixas advertiu de que tamén se detectan deficiencias en portas, mobiliario e espazos comúns, ademais da ausencia de podas que provoca un crecemento desmesurado da vexetación.
Neste contexto, o BNG reclama que a Xunta planifique un proxecto de reforma integral cun cronograma de actuacións, que comece polas máis urxentes xa no ano 2026, e que se realice «contando coa participación e consulta da comunidade educativa».
Ademais, a deputada rexistrou unha batería de preguntas, orais e por escrito, para reclamar explicacións ao Goberno galego sobre a situación do centro e as medidas previstas.