As obras regresan 12 anos despois ao segundo maior esqueleto urbanístico da Coruña

David García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Conceden licenza para crear 63 vivendas na estrutura dos Rosales

26 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A cidade verá como desaparece nos próximos meses o segundo esqueleto urbanístico de maior tamaño. O goberno local concederá licenza para legalizar a estrutura da rúa Emilio González López, nos Rosales, para a execución de 63 vivendas.

Deste xeito finalizarase unha obra que empezou hai 17 anos, no 2008, pero que no 2013 paralizouse e nunca máis se volveu a retomar, polo menos ata o de agora. No 2018 procedeuse a declarar a caducidade da licenza concedida dez anos antes e o asunto chegou aos xulgados, con fallo final favorable ao que defendía o Concello.

Despois de anos sen movementos sobre o terreo nin a nivel administrativo, os técnicos municipais recibiron hai dous anos unha solicitude de Desarrolla para legalizar a estrutura, xa que non se adaptaba ao plan.

Agora o goberno local dará luz verde ao proxecto de execución, que xa permitirá adecuar a estrutura existente ás directrices do PXOM efectuando unha demolición parcial que afecta a unha altura, que se eliminará da parte superior, e á entreplanta. Ao mesmo tempo xa se poderá empezar coa construción das 63 vivendas, todo iso cun investimento de 2,9 millóns de euros. Ademais, contará con rochos e prazas de garaxe para todos os pisos.

Desta forma acabarase con anos nos que os residentes da zona tiñan que convivir cunha estrutura inacabada que afeaba a contorna e que tamén chegou a xerar problemas de inseguridade e insalubridade, aínda que de menor entidade en comparación cos que sufriron os veciños doutros esqueletos.

A finalización desta estrutura inacabada suporá eliminar a segundo de maior entidade da cidade, só por detrás da existente na avenida de Fisterra e que é propiedade da Sareb. Este estaba deseñado para albergar 134 vivendas, pero quedou polo camiño tras empezar a súa construción tamén no 2008.

O goberno local propiciou nos últimos anos a erradicación dos esqueletos urbanísticos de diferentes xeitos. No caso dos do Martinete e As Xubias procedeu á súa demolición, mentres que noutros, como agora nos Rosales, concedeuse licenza para construír vivendas. Entre estes últimos figuran o que había entre a rolda de Nelle e A nosa Señora de Fátima, o de Vioño, un en Cancela de Fóra e outro na rolda de Monte Alto.

 

58 vivendas da Xunta

Só unhas decenas de prazas de aparcadoiro que hai no vial entre as rúas Simón Bolívar e Emilio González López separan o esqueleto urbanístico e a única parcela virxe que queda nos dous aneis que conforman o óvalo dos Rosales.

No caso da estrutura inacabada as obras comezarán nas próximas semanas, mentres que no terreo situado a poucos metros farano uns meses máis adiante.

Esta parcela de titularidade municipal foi cedida polo Concello ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Xunta, para a construción de 58 pisos de promoción pública.

O Goberno galego está a tramitar este proxecto e outros tres tamén previstos en terreos facilitados polo Concello para fomentar a creación de vivenda ante o problema de prezos e oferta que sofre a cidade, que foi declarada zona tensionada.

As outras parcelas atópanse no Lugar de Pedro Fernández —en Pedralonga, entre as avenidas de Alfonso Molina e A Pasaxe—, onde se farán 75 pisos repartidos en dous terreos, e nun extremo da rúa Rey Abdullah —onda a avenida de Fisterra—, onde están proxectados outros 15.

Por que non se chegou a finalizar o edificio?

En 2008 concedeuse permiso para edificar, pero no 2013 paralizáronse as obras por non cumprir co PXOM. Agora necesitará unha pequena adaptación eliminando altura na parte superior e a entreplanta.