A xuízo un home por levar no seu coche dez quilos de haxix e cinco de cocaína sobre unha bandeira de Cuba

C. DEVESA OZA-CESURAS / LA VOZ

A CORUÑA

Audiencia Provincial de A Coruña
Audiencia Provincial da Coruña CESAR QUIAN

O acusado foi interceptado polos axentes da Garda Civil o 10 de xaneiro deste ano e permanece en prisión provisional acusado dun delito contra a saúde pública

30 jun 2025 . Actualizado á 04:29 h.

O martes día 8 a Audiencia Provincial da Coruña xulgará a un home que foi interceptado en Porzomillos, en Oza-Cesuras con máis de cinco quilos de cocaína e case dez de haxix. A Fiscalía solicita para el 8 anos de cárcere por un delito contra a saúde pública con e 1.600.000 euros de multa.

Os feitos ocorreron o pasado 10 de xaneiro cando o acusado, con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia, conducía sobre as 18.40 horas un vehículo Audi 80 á altura do quilómetro 4,4 da AC-840, en Porzomillos, no partido xudicial de Betanzos. Os axentes da Garda Civil déronlle o alto e detectaron un forte cheiro a haxix.

Por iso, e ante «o nerviosismo» do home, procederon ao rexistro do coche, en que foi intervida unha bolsa de viaxe que contiña dez paquetes de cor marrón, que resultaron ser resina de cannabis, cun peso neto de 9.693,2 gramos, e cinco paquetes rectangulares co selo TOP sobre unha bandeira de Cuba, que resultaron ser cocaína cun peso neto de 5.015,4 gramos yriqueza do 82,26%. Ditas substancias estaban en poder do acusado para a realización de transaccións ilícitas e indeterminadas con terceiros, segundo recolle o escrito do Ministerio Público.

O documento indica que entón o prezo desa cocaína acadaba no mercado ilícito a cantidade de 526.943,93, euros, a razón de 60,03 euros o gramo. O da resina de cannabis era de 66.204,55, é dicir, a 6,83 euros o gramo.

O acusado está en prisión provisional por esta causa desde o 11 do xaneiro do 2025, tal e como decidiu o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Betanzos.