
Que unha orquestra faga concertos crossover non estraña a ninguén. Menos frecuente é colaborar con bandas tributo e non co solista ou grupo orixinal. A Sinfónica de Galicia deuse un baño de masas invitando a Óscar Rosende co seu proxecto Great Straits para revisar os míticos temas da banda de Mark Knopfler.
O Palacio da Ópera estivo a rebordar dun público heteroxéneo que aclamou un proxecto ben montado. Pareceu a OSG un complemento de algo a maior gloria de Rosende e a súa banda? É posible, pero non pareceu importar nin ao público nin a un artista que puxo en valor a importancia da orquestra. Houbo máis público aquí que nos programas de abono? Un feito incontestable que chama á reflexión: con que conténtase realmente o público?
O maior acerto de Rosende é facer unha versión máis que imitar; porque é difícil achegarse a un son tan carismático como o de Dire Straits. Con destreza á guitarra (mellor aquí que no puramente vocal) foi debullando himnos xeracionais, apelando á nostalxia dun público eufórico. O show (cun atractivo xogo de luces) incluíu arranxos de Adrián Saavedra que souberon non ser invasivos coa esencia dos temas (a OSG, con Jose Trigueros á batuta, arroupou e subliñou liñas melódicas as máis das veces). Poderíase optar por unha lectura sinfónica máis rotunda? Seguramente; pero estes temas respiran sós, sen engadidos. Rosende sabe ata onde chega, dá ao público o que busca e disparou o entusiasmo nunha das mellores entradas que se lembran nunha cita da OSG. O respectable aclamou a banda e orquestra (case unha invitada á festa).
Cabe o debate de se fose máis pertinente ou non facer este xogo con (outro) artista orixinal e non cunha banda tributo, de se o proxecto podería estar máis centrado na orquestra ou de se funcionaría mellor ao aire libre, noutro contexto; pero o éxito de público fala por si só. Un éxito conformista? Gran pregunta; pero se se trata de contentar ao público, este concerto logrouno. Será isto un filóninesperado para a OSG? Veremos.