A obra dos Cantóns da Coruña avanza pola beirarrúa de Méndez Núñez

David García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Marcos Míguez

Este luns comezará a pavimentación de Ambrosio Feijoo, pola que no futuro virarán os buses metropolitanos

07 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A obra máis importante que se finalizará neste mandato continúa dando pasos para cambiar a imaxe dun dos lugares máis emblemáticos da cidade, os Cantóns.

Despois da execución de actuacións como a derriba da mediana que vai do Obelisco ao Teatro Colón ou da pavimentación do tramo de calzada de Correos ao Rosalía para que luza a mesma imaxe que o resto dA Mariña —é o único corte de tráfico que se prevé que implique a obra—, os traballos comezan a penetrarse na zona cero.

Desde hai uns días, a intervención céntrase no tramo de beirarrúa dos xardíns de Méndez Núñez que une o Colón con Entrejardines; é dicir, o Cantón Grande. En primeiro lugar aproveitarase para renovar a rede de pluviais que discorre baixo esta zona e, posteriormente, executaranse a rede de iluminación e outros servizos. Finalmente, a zona volverá pavimentar para que luza de xeito uniforme coa zona peonil dos Cantóns alén da calzada.

A previsión municipal é que esta fase estea finalizada ao longo do próximo mes, de maneira que se poida desenvolver sen afectar a algúns eventos que adoitan ocupar este lugar, como a feira Mostrart, que empeza sempre a finais de xullo. A intención do goberno local é que esta se poida celebrar con normalidade e, por agora, a obra está a cumprir os prazos marcados. A súa duración total é de 20 meses e empezou a mediados de marzo.

Un anel ao redor de Correos

O plan de obra tamén contempla que a partir do luns se poña en marcha outra fase. Esta afectará á rúa Ambrosio Feijoo, que discorre entre a sede da Autoridade Portuaria e o edificio de Correos, actuando tamén sobre a parte traseira deste segundo inmoble.

Esta zona cobrará importancia tras a reforma, xa que servirá para que os autobuses metropolitanos inicien o seu percorrido cara á comarca. Ata o de agora teñen o seu punto de chegada e saída en Entrejardines, pero esta se peonalizará para convertela na porta de entrada aos peiraos.

Así, os autocares pasarán a operar desde Manuel Casás, de maneira que os autobuses paren nesta vía e invistan a marcha utilizando o anel que se creará ao redor do edificio de Correos.

A actuación en Ambrosio Feijoo centrarase en dotala dun pavimento máis resistente que o actual. Durante esta obra, que vai durar unhas seis semanas, habilitaranse unha parada de taxis provisional tras a Autoridade Portuaria, un aparcadoiro de motos xunto a Palexco e unha área de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.

A maior obra do mandato dará máis espazo aos peóns e 500 metros de sombra con árbores

A reforma dos Cantóns deseñouse como unha fase cero da transformación da fachada marítima e suporá para os peóns a conquista de 9.500 metros cadrados, dos que unha parte corresponden ás zonas que se adecuaron durante a pandemia para facilitar a distancia entre paseantes. O presuposto ascende a 7,5 millóns de euros e o prazo de execución está marcado en 20 meses.

Esta zona terá o mesmo aspecto que a peonil contigua, e tamén crecerá o espazo para os viandantes en Manuel Casás. No extremo dos Cantóns da praza de Mina crearase unha zona de estancia cun olmo e un banco semicircular. Ademais de peonalizar Entrejardines, tamén se reservará aos paseantes o tramo de Santa Catalina que chega ata Durán Loriga. O proxecto tamén contempla a creación de 500 metros de sombra proporcionados por árbores que se colocarán en distintos puntos. Crearanse xardíns con céspede e flores en varios lugares, aínda que a presenza de vexetación estará limitada polos servizos baixo terra e o aparcadoiro.

Manterase un carril por sentido para a circulación e as bicicletas terán o seu espazo entre a calzada e a beirarrúa dos xardíns de Méndez Núñez.

A actual saída do aparcadoiro no Cantón Grande cederase aos usuarios a pé do subterráneo, para os que haberá ascensor, rampla e escaleiras. No exterior haberá unha zona de estancia e tamén desaparece a entrada para vehículos á altura das Casas de Paredes.