A Confederación de Empresarios da Coruña mostra o seu rexeitamento á OPA ao Sabadell

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

Antonio Fontenla, presidente de la CEC
Antonio Fontenla, presidente da CEC CESAR QUIAN

Considera que a operación suporía un «enfraquecemento da capacidade de financiamento en sectores estratéxicos»

13 may 2025 . Actualizado á 12:44 h.

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) considera prexudicial para os intereses do tecido empresarial coruñés a OPA de BBVA sobre Banco Sabadell no marco do proceso de consulta aberto polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa e así llo fixo saber a través dunha carta ás súas entidades asociadas ás que anima ademais a participar na consulta.

No seu escrito de argumentación expresa a súa «preocupación pola maior concentración bancaria que implica esta operación, que ameaza con reducir as fontes de financiamento ás que poden acudir as empresas, o que implica un empeoramento das condicións de crédito, cun impacto especial nas persoas autónomas, micropemes e pemes, que son o 99% do tecido produtivo galego»

O ente empresarial teme ademais «un posible enfraquecemento da capacidade de financiamento en sectores estratéxicos para a nosa economía». Neste sentido sinalan que o Banco Sabadell desenvolveu liñas específicas para o sector pesqueiro ou o agroalimentario tendendo ás súas particularidades e riscos polo que consideran que «a integración nunha estrutura bancaria máis grande podería diluír a capacidade de ofrecer solucións financeiras a medida, e traducirse nunha menor dispoñibilidade de crédito ou en condicións menos favorables». 

Outro dos puntos que lle preocupan á CEC é o financiamento hipotecario, sobre todo nun momento «crítico» no acceso á vivenda. Así mesmo, alerta dos riscos para a estabilidade financeira derivados dunha maior concentración bancaria ao elevarse a cota de mercado das grandes entidades e tamén da presión que esta competencia pode exercer sobre as caixas rurais. 

Os empresarios coruñeses estiman que a fusión tería tamén importantes implicacións na inclusión e cohesión territorial e financeira e o emprego pola posible redución da rede de oficinas. «Na nosa provincia veríanse agravados os problemas de acceso aos servizos bancarios cunha situación xa moi deteriorada polo continuo peche desde a crise do 2008», expoñen. «A capilaridade da rede do Banco Sabadell Gallego é dunha importancia esencial, xa que acada a práctica totalidade dos municipios, sendo ademais unha das entidades con máis presenza no rural da provincia da Coruña e de Galicia no seu conxunto», engaden. 

Por outra banda, preocupa «a perda da sede operativa de Sabadell Gallego e outros centros de decisión craves para a actividade do banco, que poderían afastarse de Galicia e verse integrados na estrutura do BBVA, reducindo a capacidade de influencia da nosa Comunidade nas decisións».

Noutro punto da súa argumentación, a CEC destaca «o importante compromiso, a participación e o apoio do Sabadell Gallego ao ecosistema das asociacións e entidades de representación empresarial galegas» e pide que se teña en conta tamén «o arraigamento desta entidade no noso territorio, na que enraizou con solidez ao tomar a vez dunha entidade rexional como era o Banco Galego sen diminución no seu compromiso con Galicia, e co progreso e benestar de socioeconómico desta comunidade».