
Cando chegou Zara e, sobre todo, cando foi crecendo, probamos a esculcar ese punto «fashion» que só viamos nas películas
08 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os que teñen máis de 50 anos lembrarán aquel tempo en que Coruña vestía doutro xeito. Non chegara Zara, con esa primeira tenda en Juan Flórez que mañá está de aniversario e que por aquel entón era unha máis desta cidade, aínda que enseguida foi fiando fino toda unha forma de ser e de vivir. Os coruñeses, antes de Zara, eramos outros. Comprabamos por tempadas os abrigos e os pantalóns curtos, iamos da man das nosas nais en busca daquelas pezas (poucas) que nos abrigaban no inverno e aliviábannos no verán. Pero cando chegou Zara e, sobre todo, cando foi crecendo, probamos a esculcar ese punto fashion que só viamos nas películas. Por iso agora, que toca facer memoria, moitos coruñeses lembran perfectamente ás mulleres que estaban detrás daquela primeira tenda, e que sen sabelo, axudaron a construír todo un relato do que toda Coruña foi protagonista. Porque todos nós fomos crecendo da man de Inditex. Abríndonos a esa moda, á súa espontaneidade, á súa inmediatez, á súa orixinalidade e á súa frescura. Se pecho os ollos, aínda podo sentir a felpa daquel xersei rosas clarito, tipo suadoiro curto, que a principios dos anos oitenta combinabamos con petos de cores pastel: o azul, o amarelo... A miña xeración nesa época aínda non cumprira os 15, pero buscaba referentes estilísticos como os que brillaban na gran pantalla. Porse uns vaqueiros, unha cinta de felpa no pelo e un suadoiro daquelas rompía coa costura ríxida de tempos pasados.
Zara abriunos ao mundo e os coruñeses transformámonos de punta a cabo porque sentimos con orgullo o que tamén é noso. Os que temos máis de 50 sabémolo. A modernidade e o progreso chegou con eles.