Oleiros reclamará a Educación transformar un almacén do Valle-Inclán en sala multiusos
A CORUÑA

As paredes continúan con ladrillo e o chan sen arranxar
03 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Concello de Oleiros leva xa varios anos reclamando á Consellería de Educación que arranxe un espazo que quedou sen finalizar desde que se fixo a obra do comedor no CEIP Valle-Inclán de Perillo. O vindeiro martes, o alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Educación, María José Santos, reuniranse co director territorial da consellería para tratar o asunto.
O rexedor lembrou este venres en Voces da Coruña, de Radio Voz, que no 2019 realizáranse as obras do comedor e tras elas gañouse un espazo na parte superior que se está utilizando como almacén grazas a unhas portas de acceso habilitadas polo Concello, pero as súas paredes continúan co ladrillo visto e o chan sen arranxar.
Actualmente este espazo do colexio adquire un valor estratéxico máis alto, xa que o centro foi beneficiado cun programa de innovación pedagóxica promovido pola propia consellería, relacionado coas competencias dixitais do alumnado. Este programa, denominado Polos Creativos, incorpora aos recursos educativos unha considerable cantidade de equipamento, algo positivo para o centro, pero que cren que debería instalarse nesa zona do edificio hoxe en barbeito, onde tamén se situaría unha sala multiusos.
O Concello agarda que a Xunta acometa canto antes a obra necesaria para esa habilitación do espazo e a súa incorporación ás actividades educativas, «co que se reforza a calidade do ensino público e o prestixio dos centros educativos do municipio».