Un grupo de expertos da UDC, á vangarda internacional para promover e mellorar a eólica mariña

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

UDC

O Grupo Integrado de Enxeñería está a impulsar varios proxectos relacionados con diferentes áreas de innovación no sector

28 ene 2025 . Actualizado á 17:47 h.

Grupo Integrado de Enxeñería (GII) da Universidade da Coruña, fundado no Campus Industrial de Ferrol e integrado en dous centros de investigación, o Citeni (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e o Citic (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións), conta con máis de 25 anos de experiencia e cun grupo de traballo de 43 profesionais.

Este grupo, coordinado polo catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información Richard Duro, está a desenvolver na actualizade diversos proxectos internacionais entre os que se atopan tres deles que impulsan a enerxía eólica mariña sostible. As incitativas reciben os nomes de Aowinde, Flores e Shorewinner, e contan cun presuposto total de máis de 7 millóns de euros.

Aowinde é un proxecto transfronteirizo que se desenvolve entre España e o norte de Portugal. Ten como obxectivo fomentar unha industria eólica mariña sostible, en liña co Plan Industrial do Pacto Verde Europeo, colaborando con universidades, centros tecnolóxicos e administracións públicas. Conta cun presuposto de 1.414.080 € e un prazo de execución que se estende ata o 2025.

O proxecto Flores consiste nunha iniciativa de innovación docente que busca impulsar o Pacto polas Capacidades no sector das enerxías renovables mariñas, promovendo a formación continua en Europa. Desenvolve accións piloto rexionais coa industria e entidades educativas nas concas do Báltico, o Mediterráneo e o Atlántico. A través do programa Erasmus+, FLORES tamén analiza as necesidades de capacitación da industria, apostando pola educación como motor de innovación. Este proxecto, cun presuposto de 877.668 €, tamén se executará entre  ata o 2025, e está coordinado polo Cetmar co apoio de investigadores do GII.

Finalmente, o proxecto Shorewinner, tamén enmarcado no programa Erasmus+, ten como obxectivo crear unha Comunidade de Prácticas (CoP) para a enerxía eólica mariña no sur de Europa. O presuposto será de 4.975.531 €, e o prazo de execución esténdese ata o 2028. Busca establecer unha plataforma de aprendizaxe en liña que promova a formación e educación profesional de excelencia no sector.

Novos horizontes

Ademais destes proxectos, o GII está a finalizar outras iniciativas de investigación no ámbito da eólica mariña, como Morsa, centrado en vehículos autónomos submarinos, e Eagle, que se ocupa da dixitalización de plataformas de despegamento e aterraxe de drons, ambos os dirixidos ao mantemento de estruturas e parques eólicos, así como proxectos centrados na robótica intelixente, tales como o PILLAR-Robots ou o USV-Brain.

A actividade do grupo desenvólvese en diversas áreas: Enxeñería Naval e Oceánica, Dinámica de Fluídos, Enxeñería de Organización Industrial e Transporte, e Sistemas Autónomos: Intelixencia Computacional, Robótica e Cognición. Actualmente, participa en 10 proxectos internacionais e 4 nacionais e/ou rexionais.