Invasión de 600 en Santa Cruz

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

Unha nova concentración destes clásicos

16 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Cando o galego Marcelino marcou na final da Eurocopa en 1964 os Seat 600 eran os reis das estradas españolas. Onte, coincidindo co debut de España na competición que se celebra en Alemaña, os míticos vehículos invadiron Santa Cruz. O Club 600 de Galicia celebra esta fin de semana a súa XXVII concentración nacional nos concellos de Oleiros e Arteixo. Na Coruña, con tanta actividade que hai esta fin de semana non hai sitio nin para estes pequenos coches de lenda. A recepción e inscrición foi onte ao mediodía na rúa Adolfo Suárez González, xusto no aparcadoiro final, antes da intersección coa estrada xeral. Aí empezou a desenvolverse un programa cun gran compoñente cultural. Nunhas horas visitaron as Torres de Santa Cruz coa colección de José María Kaydeda, e o castelo. Para hoxe quédalles un prato forte e moi agardado, o percorrido polo Museo da Automoción e Historia creado pola Fundación Jorge Jove recentemente inaugurado e que aínda non é moi coñecido polo público. «Na concentración tendemos máis de medio centenar de Seat 600 dos distintos modelos, e preparacións. A maioría viñeron de distintos puntos de Galicia, aínda que tamén contamos con visitantes de Asturias, León, Madrid e Murcia», destaca Antonio Fernando López Díaz desde o histórico club organizador.