Sempre nos quedará o polbo

Javier Becerra
Javier Becerra CRÓNICAS CORUÑESAS

A CORUÑA

Martina Miser

Non se me ocorre mellor expresión da cultura popular que esa, con avós e netos na mesa, sen imposturas nin refinamentos artificiais

24 may 2024 . Actualizado á 11:35 h.

Hai outras opcións singulares como o Fiuza en Monte Alto ou a de Melide na praza de España, pero se un quere gozar do ambiente do polbo concentrado nunha zona coruñesa ten que desprazarse ao barrio de Vos Mallos. Alí, da estación de tren para abaixo, sucédense as pulpeiras á vella usanza, de banco corrido, xerra de viño, escarvadentes e mesas que teñen máis historia que todo o mobiliario retrovintage de cidade xunto. Só A Nova Lanchiña preséntase un pouco/pouo máis moderna, pero sen perder a esencia. A expansión desta, adquirindo baixos para engordar a superficie (xa van dúas ou tres e o seu volume de público témome que daría para toda a mazá) exemplifica o éxito tremendo da fórmula que non pasa de moda. Chegarán pratos exóticos, fusións insólitas e reinterpretacións con pretensións artísticas, pero sempre nos quedará o polbo. Afortunadamente.

Este suceso ata hai pouco concretábase en locais pequenos e abarrotados. Un arrimábase á barra e pronto aparecía un sitio. Agora xa funciona case só con reserva previa. E se un chama o xoves para comer o sábado dinlle que a quenda das tres está completo. Que ten que ser ás unha e media. Ein? Quen demos come nese horario?, preguntas por teléfono. Dous días despois comprobas que a esa hora máis británica que española para comer a polbeira está petada, con decenas de persoas entregadas ao culto da táboa de madeira, o cefalópodo cortado, aceite e (moito) pemento. Mirando ao redor non se me ocorre mellor expresión da cultura popular que esa, con avós e netos na mesa, sen imposturas nin refinamentos artificiais. Cunha camiseta do Dépor por alí, unha medalla dourada da Virxe por alá e un bandullo agradecido que sobresae sobre o cinto como expresión da pura felicidade.