Miño pecha varios meses ao tráfico a ponte sobre a vía do tren en Bolo

D. Vázquez MIÑO

A CORUÑA

Un camión, que non deu parte, chocou coa estrutura e agora o Concello asumirá a reparación

16 may 2024 . Actualizado á 12:51 h.

A ponte sobre a vía do tren en Bolo,  no Concello de Miño, permanecerá pechado ao tráfico os próximos meses. O pasado 1 de marzo un vehículo pesado —todo apunta a que se trataba dun camión cargado— atravesou esta ponte, facendo caer algunhas pedras do peitoril sobre a vía do tren.

Este accidente provocou que a ponte quedase inutilizado para vehículos de calquera tipo, permitindo o paso unicamente aos peóns. Desde o consistorio indican que o paso de vehículos pon en risco a integridade da ponte, podendo causarlle aínda máis danos e poñendo en risco os trens que circulan pola vía. 

A súa reparación completa obriga a cumprir os parámetros que esixe o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para manter a seguridade para a circulación ferroviaria. A actuación terá un custo de entre 50.000 e 80.000 euros.

O goberno local de Miño condena a actitude do condutor que causou os danos nesta infraestrutura, pois abandonou o lugar sen deixar os seus datos. Isto provoca que os custos da obra van recaer no Concello. «Hai uns días, unha persoa non identificada moveu as pedras que impedían o paso de vehículos pola ponte, poñéndose a el ou ela mesmo en perigo, ademais de poder provocar novos derrubes sobre a vía férrea», afean desde o consistorio.

Desde o Concello de Miño remarcan que queda totalmente prohibido mover os obstáculos que impiden pasar pola ponte, así como o paso con calquera tipo de vehículos. Ademais, advirten que a reparación e recuperación do uso da ponte demorarase polo menos uns meses, debido á complexidade dos traballos, á necesidade de redactar o proxecto, á necesidade da aprobación de ADIF e á dificultade de buscar financiamento.

Desde o Concello rogan compresión ás persoas afectadas, á vez que se fai un chamamento a todos os veciños que, no caso de ver un uso indebido das  vías públicas por parte dos condutores, notifíquese ao Concello para evitar que situacións como esta volvan ocorrer no futuro.