O programa de cans de terapia que van cos menores ao xulgado chega a máis colexios da área da Coruña

a voz A CORUÑA

A CORUÑA

Fundación María José Jove

Este servizo da Fundación María José Jove asistía a nenos de Curtis e Betanzos e agora farano tamén a Vilasantar e Sobrado

29 feb 2024 . Actualizado á 17:34 h.

Venus, o único programa que hai en Galicia de cans de terapia que acompañan ao xulgado a menores vítimas de violencia de xénero, amplíase a dous concellos máis e abre unha nova vía de traballo con centros educativos. Este servizo, impulsado pola Fundación María José Jove coa colaboración de Candamín, atendía ata o momento a pequenos de Curtis e Betanzos, e agora tamén o fará  aos Vilasantar e Sobrado dos Monxes. Un total de 121 menores de 3 a 12 anos e 110 familias que están dentro do ámbito do Xulgado de Violencia contra a Muller de Betanzos hanse beneficiado deste programa desde a súa posta en marcha no 2019.

Ademais, a Fundación María José Jove iniciou unha nova vía de traballo piloto en centros educativos de prevención e sensibilización en materia de igualdade, así como de fomento de relacións igualitarias e de bo trato. En concreto, acaba de poñelo en marcha con 82 escolares de 5.º e 6.º curso de primaria do CEIP de Curtis e Teixeiro. Neste caso, as sesións buscan previr a violencia en calquera das súas variantes desde o ámbito educativo e en idades temperás. Para iso, realizaranse talleres formativos, de lectura e accións a través do xogo.

Fundación María José Jove

O traballo coas familias vítimas de violencia de xénero consta de dúas partes: acompañamento dos menores nos xulgados co can cando ten que ir declarar e un programa máis amplo de terapia asistida con animais destinado a incrementar as posibilidades de superación emocional dos menores que sofren violencia de xénero. Cando o menor ten que ir declarar ou a realizar calquera trámite, vai acompañado por un dos cans que xa coñece previamente das sesións de terapia asistidas. Xunto a eles, está sempre un educador canino e un terapeuta ocupacional. O can constitúe un vínculo fundamental para o menor, que se enfronta a un ambiente hostil cando acode ao xulgado, conseguindo así un sentimento de protección e seguridade ante esta difícil situación.

Os menores que entran no programa comézano medorentos e con poucas/pouas ganas de falar, pero, a medida que avanzan as sesións, vai diminuíndo a angustia e ansiedade, destacan desde a fundación. Os cans que participan en Venus son cans que foron adestrados para este fin e que superaron unha rigorosa avaliación que permite ao profesional incorporar ao animal no proceso rehabilitador como ferramenta motivadora. A súa capacidade para motivar ás persoas e crear un clima de calma é incrible. Actualmente son sete os que participan no programa: Bosco, Uva, Pot, Matilda, Oliva, Talia e Briana.

As terapias presentan unha duración adaptada ás necesidades de cada intervención individualizada e, posteriormente, traballan en grupos para determinadas capacidades e habilidades. A nivel individual, abórdanse aquelas áreas que bloquean o crecemento persoal do individuo como a negación, a minimización e proxección da culpa a terceiros, a impotencia e os sentimentos negativos. O resultado é unha redución da tensión e da ansiedade dos menores, así como unha mellora na autoestima, na comunicación familiar, no descanso e soño e nos resultados escolares.

A Fundación María José Jove traballa desde 2013 no ámbito da Terapia Asistida con Animais de Compañía (TAA) a través de diferentes programas. No ámbito da saúde, a Fundación leva a cabo un proxecto pioneiro en Galicia, no que cans de terapia actúan como facilitadores terapéuticos no Hospital Teresa Herrera da Coruña. Así mesmo, no ámbito do lecer, a entidade desenvolve Ocucando, un programa de lecer saudable con cans de terapia orientado a nenos e menores con diversidade funcional ou en risco de exclusión e recentemente acaba de poñer en marcha AyudaDOG, un proxecto que busca promover a adquisición de responsabilidades de persoas con enfermidade mental a través do coidado de cans abandonados.