«Hai que desmitificar a maternidade, porque non é unha película de Disney»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A Coruña / LA VOZ

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

Verónica Fernández e Paula García coordinan un taller de posparto que imparten nos centros cívicos e para o que aínda hai prazas libres

16 abr 2023 . Actualizado ás 09:53 h.

Todo o que sempre quixo saber sobre o posparto e ninguén se atreveu a contarlle. Ese é o espírito dos talleres que a partir deste luns impartirán as expertas Paula García Otero e Verónica Fernández López nos centros cívicos da Coruña. «O noso obxectivo é tratar as necesidades da nai e das familias; achegar información para reducir medos e inseguridades e que poidan conectar con elas mesmas e tomar decisións libres. Así como concienciar da presión social».

Pregunta. Por fin un pouquiño de atención ao posparto.

Verónica Fernández. É moi necesario. Hai que desmitificar a maternidade porque está idealizada e non é unha película de Disney nin a imaxe de Pilar Rubio na piscina cos seus catro fillos. Ela representa a súa maternidade, pero hai moitos tipos e a perfección non existe. Adoita ser unha época de caos interno e externo. E necesitamos que haxa menos presión social cara á muller.

Paula García. Sempre se enfoca todo ao parto, cando os principais cambios no plano físico, emocional e sexual suceden despois. Por iso queremos achegar apoio nesa etapa. Vemos a necesidade de apoiar e acompañar.

P. Tradicionalmente chámase corentena. Canto dura en verdade?

V. F. Corenta días non, sen dúbida. O corpo da muller tarda nove meses en chegar ao parto e necesita outros nove meses, como mínimo, para recuperarse. E nunca volve ser a mesma.

P. Non serán unhas talibá da lactación materna, non?

V. F. Sabemos que moitas mulleres non se achegan a este tipo de asesorías porque teñen medo a sentirse xulgadas. Non dar o peito ao bebé é unha opción dentro dos distintos tipos de lactación e hai que respectar todas as necesidades da muller nese momento.

P. G. Todas as lactacións son válidas e todas deben ser acompañadas. Do mesmo xeito que non che ensinan a dar a teta, tampouco che ensinan como preparar un biberón.

P. A depresión posparto existe?

V. F. E é demoledora, pero é normal e ten solución. Estás triste, non entendes por que e amais xera unha culpa terrible.

P. Frases que non se deben dicir ás parturientas: «Non collas tanto ao bebé que se malacostumbra».

V. F. Esa é unha. Ou iso de «Hai que darlle o peito cada catro horas». Que agora non se recomenda iso, pero xa che fai dubidar.

P.G. Xa che fai coller o móbil e pórche a buscar en Google iso, ou se hai que durmilo boca arriba ou boca abaixo. Que se canto o colles no colo, ou que a ver cando o pasas ao berce.

P. E cando hai que pasalo?

P.G. Preferimos que cada unha tome as súas propia decisións. Damos recomendacións sanitarias.

O que debe saber: Que con ir a un só taller, chega. Que hai que preinscribirse antes no centro cívico. Que son polas tardes de catro a sete, pero non fai falta que estea presente todo o intre. Que pode ir cos seus fillos. Que aos homes lles interesa moito. E que avoas/vos e sogras/sonvos benvidos.

«Ninguén fala de medos como ir ao baño ou as primeiras relacións sexuais»

Paula García é sanitaria, asesora de lactación e vai polo seu terceiro posparto. Verónica Fernández, mediadora e coach educativa, leva dúas. Ambas coordinan o taller de posparto real nos centros cívicos.

P. Que non se conta do posparto?

P. G. Case nada. Ninguén fala dos cambios emocionais, hormonais, etcétera, que nos levan a determinadas condutas. Ou de medos como ir ao baño ou ás primeiras relacións sexuais, por exemplo.

V. F. Son cousas que non se falan pero que case todas as mulleres tememos despois de dar a luz. Como non cho contou antes, preocúpasche.

P. Pero son cousas normais.

V. F. ¡Claro! Son cousas normais que pasan, pero das que ninguén lles falou.

P. Cal é a pregunta que máis lles fan?

P. G. O tema sexual, como readaptar a relación de parella e os primeiros coidados do bebé. A lactación é o tema estrela, e o tema emocional.

V. F. Ata que entenden que non son as únicas ás que lles pasa todo isto e que todo ten unha explicación. Ás veces dubidamos de nós mesmas e resulta que a nosa amiga está na mesma situación. Se cadra non somos capaces de falalo con ela porque a vemos fenomenal, pero ela está exactamente igual que nós.

P. Non axuda que a famosa de quenda luza sen tripa aos dous días.

V. F. A quen non lle gustaría iso?

P. G. Pero é ciencia ficción.

P. Non podo despedilas sen preguntarlles por Ana Obregón.

V. F. Resúltame difícil xulgala porque me conmove todo o que debe de estar a pasar ela, pero hai que pensar no bebé.

P. G. O mesmo. Non creo que os baleiros haxa que cubrilos á conta da vida doutra persoa.