O Concello da Coruña e a RAG abren o 1 de febreiro as celebracións do centenario de Manuel Murguía

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

Tumba de Manuel Murguía en el cementerio de San Amaro
Tumba de Manuel Murguía no cemiterio de San Amaro EDUARDO PEREZ

Ese día celebrarase un acto institucional en María Pita tras descubrir unha placa conmemorativa no cemiterio de San Amaro

25 ene 2023 . Actualizado á 21:50 h.

O 2 de febreiro de 1923 morría na Coruña Manuel Murguía. Unha multitude daríalle o último adeus dous días máis tarde na mesma cidade na que viviu os seus últimos anos. O cortexo fúnebre percorreu as rúas coruñesas antes de que os restos mortais do primeiro presidente da Real Academia Galega (RAG) recibisen sepultura no cemiterio de San Amaro. Alí, ao pé da súa tumba, abriranse o vindeiro martes , 1 de febreiro, os actos de conmemoración do centenario da súa morte. Ás 12.00 horas descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola RAG e o Concello da Coruña ao deseñador Pepe Barro, e posteriormente, ás 13.00 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita. 

«A celebración do centenario de Manuel Murguía non podía comezar noutro sitio que non fose A Coruña, sede da RAG da que foi fundador e lugar onde residen os seus restos mortais», sinalou a alcaldesa, Inés Rey. Na sesión no consistorio coruñés, o académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Vilares, será o encargado de lembrar a figura de Manuel Murguía, o seu pensamento e o seu legado. «Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna», sitúa o historiador. 

Conmemorar o centenario da súa morte, que é tamén case o centenario do seu nacemento (Murguía naceu en 1833 no veciño concello de Arteixo), significa rescatar e pór en valor tres aspectos esenciais, explica Ramón Vilares. «O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez», debulla o catedrático emérito de Historia Contemporánea. «En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía», conclúe. 

A RAG continuará o xoves 2 de febreiro co calendario de celebracións coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, un programa que irá máis aló do seu papel como fundador da Academia. «Tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega», engade a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, que coordina á vez que e o propio Ramón Vilares os encontros que se desenvolverán co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Rosalía, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

Esta última acollerá a xornada inaugural, dedicada a Murguía e as institucións; e as seguintes terán lugar os xoves 9 e 16 de febreiro en Santiago e en Padrón, na USC e na Casa da Matanza, e profundarán na idea de Galicia de Murguía e na relación entre a literatura e nación, respectivamente. Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios, poderán seguirse ademais en directo desde academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Tras a inauguración institucional, a xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Insua. Xosé Luís Axeitos, coeditor ?xunto ao gran biógrafo de Murguía, o historiador e presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro (1936 - 2021)? do epistolario do intelectual custodiado na Academia, profundará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedade de Folclore Galego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.