Amigos e familiares de Rafael Bárez descubriron o monumento na súa memoria

C. D. REDACCIÓN / LA VOZ

A Coruña

ANGEL MANSO

Está instalado na vía que leva o seu nome, e que acaba de ser reformada

17 dic 2021 . Actualizado ás 19:40 h.

O histórico avogado laborista e exconcelleiro de Urbanismo, Rafael Bárez, falecido en 1996 aos 50 anos, foi homenaxeado este venres coa inauguración dun monumento na súa memoria na vía que leva o seu nome.

A alcaldesa, Inés Rey , destacou o papel de Bárez na cidade «como impulsor do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal». Ademais, definiuno como unha «persona excepcional en todos os ámbitos, dende a avogacía até o urbanismo pasando polos dereitos sociais e democráticos». No acto estivo presente Toya Fernández, viúva do exconcelleiro, ademais doutros familiares e amigos.

O monumento, situado no cruzamento que coa avenida Concordia, no Castrillón, completa a reforma integral que o Concello realizou na rúa Rafael Bárez cun orzamento de 528.000 euros. As obras, demandadas pola asociación de veciños do barrio, consistiron na reurbanización dunha superficie de 4.000 metros cadrados, coa renovación completa de firme para facela completamente accesible. Tamén se renovou a rede de saneamento e augas pluviais, e a sinalización. A medida enmárcase dentro das directrices de humanización de espazos públicos da alcaldesa.