O Citic da Coruña crea un espazo para divulgar proxectos de Intelixencia Artificial

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Ana Villagrasa

O centro pertencente á UDC aspira a dar a coñecer o seu traballo

19 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Citic) da Universidade da Coruña (UDC) puxo en marcha a nova sala Demostrador Tecnolóxico, un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza neste centro, dedicado á Intelixencia Artificial.

Ao acto de inauguración asistiron, entre outros, o reitor, Julio Abalde; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril; a alcaldesa, Inés Rey , e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez. O reitor subliñou que se trata dunha sala «onde se van poder ver distintos proxectos e solucións tecnolóxicas baseadas na Intelixencia Artificial e a robótica». «Son solucións que se poden aplicar en calquera industria», dixo o reitor, que apuntou que o obxectivo é que empresas e persoas interesadas poidan ver os proxectos «e facer desenvolvementos para a súa empresa».

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez destacou a importancia deste novo espazo: «É un bo proxecto que vai servir para que sexamos conscientes do traballo que se fai nestes centros». Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación e apuntou que «en centros universitarios de referencia como este poidamos REVISAR desenvolver investigación de alto nivel». Tamén vinculou estas actuacións ao mundo da empresa e da transferencia de coñecemento neste ámbito.