Talento, traballo e unha oportunidade para crecer á sombra de Leclerc

José Luis Abadín

A CORUÑA

Loren Elliott

14 may 2020 . Actualizado á 09:01 h.

Ferrari encamíñase cara a unha substitución, coa fichaxe de Carlos Sainz en lugar de Sebastian Vettel, quen xa se sabe que non continuará na Scudería a próxima tempada 2021. Para entender a substitución convén analizar antes esta última etapa. Ferrari vén de gozar dun tetracampeón como Vettel, pero que cometeu moitos erros durante as dúas últimas tempadas. Mentres o alemán decepcionaba, por detrás chegou un piloto cun rendemento mellor do agardado e grazas ao cal acabou gañándose os galóns dentro do equipo, Charles Leclerc. A consecuencia foi que Ferrari cambie a súa aposta. Se antes Vettel era a súa primeiro espada e o monegasco a súa aposta de futuro, Leclerc conseguiu dar a volta á situación con actuacións como a de Silverstone e, sobre todo, a vitoria en Monza. Este último triunfo a tempada pasada tivo un valor simbólico moi relevante, ao producirse na casa da Scudería e cun erro do seu compañeiro. Aquel gran premio deixou sentenciado o novo equilibrio de forzas no equipo.

Como consecuencia do cambio de poder, Ferrari presenta a Vettel unha oferta á baixa, case un terzo inferior ao que cobraba, o que na práctica é unha mensaxe sobre o seu novo status, xa non é unha prioridade para a Scudería. Diñeiro á marxe, recibe a mensaxe de que xa non lle queren. Cun asento libre, Ferrari non ten por que agardar e, dentro do mercado para o 2021, busca un piloto que se una onda Leclerc á fórmula que lle funciona desde a época de Michael Schumacher, cun líder claro. O propio Leclerc viviuno con Vettel: foi o segundo ata que non gañou a súa xerarquía sendo o máis rápido nos adestramentos e nas carreiras.

Agora que o monegasco gañou o seu prestixio, Ferrari búscalle alguén que encaixe polo seu perfil. Así que non creo que Carlos Sainz vaia ter a liberdade da que gozaba en McLaren, onde era o piloto número 1 ao superar claramente a Lando Norris. En todo caso, a fichaxe por Ferrari é toda unha oportunidade para o madrileño para ter un coche competitivo, estar no podio con frecuencia e ser máis regular. Por resultados, claro que Sainz merécese o salto, despois dun final de tempada espectacular, que lle abre as portas dunha das grandes escuadras.

Para rematar, unha curiosidade ,en canto aos equipos polos que pasou, é curioso que Carlos Sainz siga os mesmos pasos de Fernando Alonso. Empezou en Toro Rosso (Minardi), fixo test con Red Bull (antes era Xaguar), logo pasou a Renault, para máis tarde correr cun McLaren. A sucesión de equipos é moi parecida, se exceptuamos o regreso de Fernando a Renault.

Insisto en que o piloto madrileño gañouse esta oportunidade e merécella. Por que el e non outro? Ferrari non quere agora a dous galos no mesmo curral, nin lle convén. E con este movemento aposta por un piloto emerxente, que ten ante si a ocasión de demostrar a súa valía e de loitar contra un rival moi forte. Creo que responderá as expectativas, como xa fixo en Toro Rosso fronte a Max Verstappen e en Renault fronte a Nico Hulkenberg, aínda que no resultado final ambos lle superasen. Sainz sempre crece, grazas á súa tenacidade e talento. É un piloto aguerrido e cambia unha das escuadras máis importantes por outra que debería de ser para el aínda máis.

José Luis Abadín participou na European F3 Open e a Fórmula 2, entre outras