Os homes que acendían a almenara na Torre

Xosé Alfeirán

A Coruña

alfeiran
XOSE CASTRO

Subían ao alto para avisar dos perigos que viñan do mar e facíanlles a comida ao pé da Torre

07 oct 2019 . Actualizado ás 18:26 h.

Capa tras capa foron desenterrando os cimentos da Torre de Hércules ( A Coruña). As escavacións, realizadas entre 1992 e 1994 e dirixidas polo arqueólogo José María Bello Diéguez, sacaron á luz os restos dos muros exteriores do faro romano e tamén diferentes estruturas encostadas ás súas paramentos. Entre elas, na cara este-nordés da Torre, descubriron un pequeno recinto de planta rectangular, duns 10 metros de longo e 6 de ancho, que hoxe podemos ver seguindo o circuíto de visita ao xacemento.

A orixe

Inicialmente estaba composto por unha soa estancia, cuberta de tezas, que, tras sufrir un primeiro incendio e derrumbe do teito, vólvese ocupar e divídese en dous mediante un murete interior. Despois sufriría outro incendio, sendo finalmente derrubado. Segundo Bello , as análises realizadas permiten fixar unha cronoloxía de ocupación desde o século XI ao XIII, e que posiblemente fose levantado «a partir do ano 1000 sobre outras construcións anteriores».

No seu interior atopáronse varios fogares para cociñar e por toda a zona exterior había abundantes restos orgánicos de ósos, cunchas, espiñas de peixe e refugallos de marisco. Datos que indican que dita edificación dedicábase a cociña e utilizábase para alimentar ás persoas que neses momentos debían vivir ou estar na Torre. Quen eran?

Descifrar o enigma

Dous documentos medievais permítennos aproximarnos ao que ocorría. O primeiro é do 991. Por el sabemos que nese ano o rei Bermudo II doou ao bispo de Santiago a cidade chamada Pharum Brigantium (a actual Coruña), edificada na antigüidade, e ademais, pola parte do mar océano, a «pinnam» ou torre-atalaia construída polos homes antigos (os romanos). O segundo é de 1019 e nel o rei Alfonso V confirma a doazón realizada por Bermudo da «Penna de Faro», a torre de Faro, cos seus casatas e «hominibus de alumenariis» ou homes das luminarias.

É dicir, que nos momentos próximos a levantarse a cociña, a torre de Hércules pasou a ser controlada polos bispos de Santiago e nela estaban uns homes encargados de acender luminarias ou lumes. Pero que lumes facían? Dada a época da que falamos.

En castelán e galego existe un termo para definilo: almenara, e é o lume que se facía no alto das torres e atalaias para facer sinais e avisar dun perigo. Este sistema de alarmas é moi antigo e utilizouse en numerosas épocas nas costas para advertir da presenza de embarcacións inimigas.

Ese lume adoitábase facer sobre un asento de ferro ou nunha cazoleta formada por aros de ferro que recibía o nome de farol. Así pois a comezos do século XI, uns homes que cociñaban e comían ao pé da Torre, e que posiblemente vivían nela, subían ata o seu alto para vixiar o océano e en caso de perigo acendían a almenara, posiblemente nun farol, para que fose visible por todos os que vivían nas comarcas próximas e estivesen previdos ata en Santiago.

E... cal era o perigo? Desde o 844 os barcos viquingos e desde o século XI os dos cruzados nórdicos.