José Rey: «Aquí alguén ten que quedarse no coche para ocuparse del»

E. E. A Coruña / LA VOZ

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

Este taxista asegura que para atopar sitio para aparcar na contorna do hospital de Oza «ten que esperar polo menos unha hora»

17 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

José Rey , de profesión taxista e natural de Muxía, é de tomarse as cousas con calma. Espera con paciencia a que saia a persoa á que levou ao hospital de Oza. «Aquí alguén ten que quedarse no coche para ocuparse del», conta mentres ordena o maleteiro. 

Quen queira atopar sitio alí, nas inmediacións da entrada, «ten que esperar polo menos unha hora», di. No seu caso, apunta, gústalle andar e cando hai tempo aparca no porto ou no aparcadoiro do Chuac e regresa camiñando, pero se a estancia do paciente é máis breve, xa non se move do coche: «Non hai problema, espérase e punto», di.

Ese hospital, exemplo de recuperación dun vello inmoble con zona verde incluída, deseñouse, como o resto, sen contar coa forma en que os pacientes chegan ata el. Na única chaira que hai caben uns 50 coches, non máis. Ata alí chega un autobús urbano, pero a Oza acoden persoas coa mobilidade reducida que necesitan transporte ata a porta. E aí empezan os problemas co coche, salvo que quen conduce tómello con tanta paciencia como José Rey nos seus tempos de espera.