«O deporte é respecto e dar a man ao rival»

Alfonso Andrade Lago
Alfonso Andrade A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

Lección de superación e esforzo dos participantes nos Xogos Autonómicos de Baloncesto SpecialOlympics

21 nov 2016 . Actualizado á 05:00 h.

«Viñemos a divertirnos, a pasalo ben desde a educación, porque o deporte é ante todo respecto e dar a man ao rival». Defende esta idea Israel, integrante dun dos equipos que Aspronaga presentou onte á vixésima edición dos Xogos Autonómicos de Baloncesto SpecialOlympics, para persoas con discapacidade intelectual, que se celebraron durante todo o día no Palacio dos Deportes.

«Por desgraza, non sempre hai respecto a nivel profesional», lamenta Israel, que tamén é porteiro de fútbol sala e admirador do exbarcelonista Víctor Valdés.

Pedro é o seu compañeiro de equipo. Ten 57 anos e xoga de base. Pau Gasol é o seu baloncestista favorito, pero se acorda moito de Epi e a Sibilio, como bo culé. Con Pedro chancea Manuel, aleiro de Aspronaga: «A ver se non che paso a pelota no partido. Si, home, je, je, si que cha paso», rectifica. Manuel é máis de Marc Gasol. Viña disposto a conseguir moitos puntos, aínda que os triplos llos deixa a Sergio, de 39 anos, base e en posesión de marcas que xa quixesen para si algúns profesionais: partidos con seis triplos e dous dobres, certifica o seu adestrador.

Todos compartían a mesma ilusión que os demais participantes (246 en total) dun certame organizado por Fademga Plena Inclusión Galicia. O acto inaugural contou coa presenza do alcalde Xulio Ferreiro. Setenta voluntarios fixéronse cargo da organización dun evento que moveu a 405 persoas.

Eladio Fernández, presidente de SpecialOlympics Galicia, explica que o obxectivo destes xogos é «traballar a autoestima e a superación» porque os participantes poden demostrar aquí «as súas posibilidades, a súa progresión». Destaca que incluso se atreven a facer cousas que non fan «nas súas casas».

Para as persoas con máis necesidade de apoio habilitáronse xogos específicos no pavillón, deixando os partidos de baloncesto para os máis autónomos. Todos, sen excepción, brindaron unha enorme lección de deportividade e superación.