Rosy Costoya, directora xeral do G. Country Homes: «O Camiño é un bo escaparate para captar investimento estranxeiro»
A empresa está especializada na compra e venda de propiedades singulares como casas rurais, de labranza, pazos e ata aldeas abandonadas

Rosy Costoya (Melide) dirixe desde o municipio lucense de Rábade o grupo galego de referencia no sector inmobiliario para a compra e venda de propiedades singulares. Casas rurais, de labranza, pazos e ata aldeas abandonadas —preto do mar e na montaña de Galicia— forman parte do catálogo do Grupo Country Homes, que tamén incorpora á súa oferta negocios que se presentan como unha oportunidade de futuro no Camiño de Santiago.
—Que tipo de oferta inmobiliaria hai no Camiño de Santiago?
—De todo tipo. Nós vendemos desde complexos turísticos a albergues, restaurantes, e casas particulares, máis ou menos grandes. Normalmente, a xente que busca comprar no Camiño de Santiago quere compaxinar a vida co negocio.
—De que prezos falamos?
—Desde miles de euros ata varios millóns. Nós vendemos un resort turístico no Camiño por cinco millóns de euros, que é unha cifra considerable para os prezos que se moven en Galicia.
—Hai máis ou menos oferta que noutras zonas?
—Os investidores que a nós achéganllenos non o buscan de xeito específico. Cando é para negocio, poida que si, pero cando é para vivir con tranquilidade, non ten por que. É dicir, o Camiño de Santiago ten o seu público, pero non é todo o que o quere acotío e sempre. Para os que buscan calma, de feito, non é a súa primeira elección.
—É o Camiño un bo escaparate para captar ao investidor estranxeiro?
—Cando alguén non sabe situar Galicia no noroeste de España, se lle dis que é «Saint Jacques de Compostelle» aos franceses, ou que é o Camiño de Santiago, en calquera parte do mundo, saben que existe. É dicir, axúdanos a pornos no mapa. Efectivamente, sen lugar a dúbida, é un bo escaparate.
—Cal é o perfil do comprador maioritario?
—Xente, de entre 30 e 50 anos, que inviste de 100.000 a 400.000 euros para vivir e rendibilizar. Saben que traballando de abril a novembro son capaces de sacar un bo soldo, con cinco meses de vacacións.
—Por que, entón, ponse á venda negocios no Camiño?
—Para non morrer de éxito. A intensidade do traballo non é para calquera: xera un esgotamento físico e mental que leva á extenuación a quen os rexenta. Son persoas que acaban vivindo a experiencia de xeito moi intenso e persoal, porque en moitos casos non pertencían ao gremio; persoas que deciden vender cando, ao cabo duns anos, gañaron todo o que consideran suficiente para o resto dos seus días. Ademais, hai pouca man de obra, tanto en hostalería como en limpeza. Pero non hai nin un só negocio no Camiño de Santiago que non sexa rendible. De feito, non me negocian o prezo.