Un obxectivo, diferentes estratexias... e un pacto

Juan M. Lema Rodicio PRESIDENTE DÁ REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS

CIENCIA

PACO RODRÍGUEZ

03 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organizou un debate monográfico sobre investigación e innovación con representantes de catro partidos (Carmen Pomar polo PP, Montserrat Valcárcel polo BNG, Julio Abalde polo PSdeG-PSOE e Paulo Carlos López por Movemento Sumar), todos eles profesores universitarios e investigadores activos. Celebrouse no marco dun centro de investigación referencial e cunha notable asistencia, presencial e virtual, de investigadores séniores e máis novos. O debate foi moi profesional, sendo os participantes plenamente conscientes de que non se trataba de celebrar un mitin, senón unha discusión intelectual sobre como mellorar estes dous aspectos chaves —investigación e innovación— mediante accións a curto e medio prazo.

O diagnóstico foi unánime e todos consideraron que debe producirse un salto de calidade para acelerar o tránsito de Galicia cara a unha sociedade de economía do coñecemento.

Como primeira medida proponse un incremento substancial do investimento, dende un valor actual arredor do 1 % ata un 2-3 % (dependendo dos partidos) do PIB galego, nun curto período, entre 5 e 10 anos. Este é un obxectivo ambicioso que, sen dúbida, será difícil de atinxir dependendo en gran medida das prioridades á hora de asignar fondos a diferentes obxectivos, todos eles probablemente de interese, pero tamén de como se artelle o mecanismo política-ciencia-sociedade.

A este respecto tamén hai unanimidade sobre a necesidade dunha nova lei da ciencia adaptada ás novas condicións da contorna e á nova realidade do propio sistema galego, que tanto evolucionou dende o 2013, cando se aprobou a vixente Lei do Fomento da Investigación e da Innovación de Galicia.

Onde se observan discrepancias significativas é na estratexia e na intensidade. Así, polo que respecta ao modelo organizativo, por unha banda, proponse a creación dunha consellería propia con competencias en universidade, investigación e innovación; ou, noutros casos, prefírese unha organización en rede coordinada entre diferentes entes. Igualmente, todos os partidos teñen propostas para a retención, atracción e consolidación do talento; porén, con medidas ben diferentes: potenciando os mecanismos actuais, propoñendo programas novos ou creando estruturas específicas para este fin. Tamén hai consenso en potenciar o modelo de centros de excelencia e de ampliar o programa de financiamento basal aos grupos de investigación, aínda que non resulta unánime a idea de recuperar un programa de financiamento de proxectos de investigación propios, fundamentalmente orientado a grupos ao comezo da súa traxectoria.

Hai tamén unha vontade decidida de incentivar a innovación —ben coa creación de instrumentos novos ou ben fortalecendo as estruturas actuais cun plan estratéxico actualizado—, fomentando a transferencia dende os centros de coñecemento ao tecido produtivo —creando, nalgunha das propostas, un ente novo— e prestándolles por outra banda un apoio decidido aos centros tecnolóxicos.

Como conclusión, parece que nestas eleccións se incrementou notablemente o interese dos partidos políticos pola ciencia, a investigación e a innovación, o que para nós resulta unha moi boa noticia.

E, dende logo, apreciamos moito o desexo unánime por acadar un pacto pola ciencia na nova lexislatura, unha idea proposta e defendida repetidamente pola RAGC dende hai anos como panca mobilizadora de país. Estaremos máis que dispostos a formar parte activa dese pacto. As xeracións futuras merecen vivir nunha Galicia onde a aprendizaxe e a creatividade sexan os alicerces do progreso.