Verdade ou mentira?

Mili Méndez

CIENCIA

x

Adiantáronse estas películas Cine e coñecemento poden ir xuntos da man e o Ciclo Spoiler Científico trata de romper tabús e mostrarnos como nos podemos aforrar algunha lección tediosa de Física gozando cunha película. 

23 nov 2015 . Actualizado á 11:22 h.

As películas son unha perda de tempo! Ese era un dos argumentos de maior peso do profesor de matemáticas e ciencias no colexio cando tocaba dar unha rifa. En realidade non o dicía en serio, só pretendía que nos centrásemos un pouco máis no libro. Moitas das leccións nas que tanto nos insistía, el e despois os profes do instituto, as redescubrí, precisamente, na butaca dun cine. Exoplanetas, pandemias? Os guionistas souberon atopar na ciencia un poderoso aliado para manternos pegados á pantalla. Nalgunhas ocasións déixanse levar polo seu lado fantasioso de inventores de historias e esquecen por completo o rigor que esixe o coñecemento científico. O resultado? Películas entretidas porque Bruce Willis só non pode salvarnos dun asteroide. Por iso é tan importante saber elixir.

Os Museos Científicos da Coruña dannos a oportunidade de mergullarnos no mellor cine científico. The Martian (2015, Ridley Scott) foi a primeira incursión coa que o divulgador Xavier Fonseca, director do espazo informativo de V Televisión, Historias do Tempo, e o astrónomo Borja Tosar deron resposta á eterna pregunta Que hai de verdade nisto? Pode un astronauta sobrevivir en Marte? Xunto á axuda de Bibiana García, tamén divulgadora, o próximo título a desentrañar é Interstellar, este martes 24 de novembro no Domus a partir das 19.30. A data elixida non é casual. O día 25 deste mes celébrase o centenario da Teoría da Relatividade Xeral de Einstein. 

A cinta de Nolan é toda unha homenaxe ao traballo do físico alemán. Protagonizada por Matthew McConaughey sitúanos nun futuro onde as tormentas de po volven insoportable a vida na Terra e hai que buscar un novo fogar para a humanidade. 

Outra dimensión

A dilatación temporal, unha hora noutro planeta pode equivaler a sete anos aquí, o tempo como outra dimensión, as viaxes a través do espazo, o buraco de verme ou Gargantúa, o buraco negro máis preciso do que dispomos grazas aos cálculos do físico relativista Kip Thorne que o elaborou explicitamente para o filme, son ningúns dos ingredientes da cinta. Pero hai máis. O perigo da caída inminente dun cometa, punto de partida de Deep Impact, as tormentas de lixo espacial que deixan á deriva a Sandra Bullock en Gravity e os intentos do SETI por contactar con outras civilizacións intelixentes do cosmos, soño que consegue Jodie Foster en Contact, filme baseado no libro do astrónomo Carl Sagan, son outras das historias de ciencia e ficción que non van faltar no ciclo. Tampouco un clásico como a segunda entrega de Regreso ao futuro. Robert Zemeckis, director da triloxía e tamén de Contact, pediu por primeira vez axuda a Sagan cando rodaba estes clásicos. 

asf

Algún acerto

Tiña medo de learse con tanto salto temporal e chamou ao astrofísico. Marty McFly levaría un chasco se o seu DeLorean aparcase no 21 de outubro do 2015 real. O que vivimos hai días. Non hai nin patíns voadores nin zapatillas Nike con cordóns intelixentes capaces de atarse soas. Noutras cousas Zemeckis non fallou tanto. Un adiñeirado, louro e prepotente empresario quere postularse como candidato á Casa Blanca. A quen lles lembra? As Google Glass, as videoconferencias e a Pepsi Perfect, edición limitada a EE.UU., están aquí.