
O partido dispútase ás oito da tarde no campo municipal da Pinguela
20 ago 2025 . Actualizado á 17:15 h.O CD Lugo regresa a Monforte. O equipo que dirixe Yago Iglesias enfróntase este xoves (20.00 horas) no campo municipal da Pinguela á VDE Ourense no que será un novo ensaio de cara ao inminente inicio de campionato.
Os albivermellos preséntanse na cidade do Cabe cun notable alto pola pretemporada que están a certificar. É un proxecto novo e ambicioso, que busca devolver ao CD Lugo ao fútbol profesional, onde estivo once tempadas de xeito ininterrompido.
O conxunto albivermello preséntase no campo municipal da Pinguela cun total de dezaoito caras novas e con varios futbolistas con talento xurdidos da canteira como o caso de Jorge González, que está a certificar unha excelente pretemporada.
En fronte dos albivermellos estará unha VDE Ourense, que acaba de ascender á Segunda Federación e que protagonizou un campionato de liga de Terceira espectacular. E é que os ourensáns practicamente dominaron de principio a fin.
Os adultos pagarán 10 euros, os menores de 16 anos cinco e os abonados entrarán gratis ao partido que se disputará no campo municipal da Pinguela.
Un encontro con carácter solidario
No estadio haberá espazos habilitados para que os afeccionados poidan realizar doazóns para os afectados polos incendios forestais.
Pódense doar estes produtos: auga (botellas pequenas ou garrafas), máscaras FFP2 e FFP3 e lentes de protección, soro fisiolóxico, gasas e desinfectantes, cubos, anciños, comida non perecedoira e doado de consumir, roupa e botas ignífugas, lanternas e comida para animais.