É o único dos 20 adestradores da era Saqués cunha media de triunfos superior ao 40%
21 ene 2025 . Actualizado á 21:26 h.Lolo Escobar deixou o banco do Club Deportivo Lugo despois de 20 partidos en Primeira Federación nos que o equipo cultivou cinco vitorias, oito empates e sete derrotas. Tanto a súa porcentaxe de triunfos (25%) como a súa media de puntos por encontro (1,15) foron moi similares ás dos seus dous antecesores no cargo, Roberto Trashorras e Paulo Alves, pero distan en boa medida dos rexistros que presentaba Pedro Munitis cando foi despedido a mediados de decembro do 2023.
O adestrador cántabro, destituído tras a xornada 17 co Lugo moi preto dos postos de promoción de ascenso a Segunda División, é o técnico con mellores números de todos cantos pasaron polo banco do Ángel Carro desde que Tino Saqués convertésese no 2015 en accionista maioritario da entidade. Con el á fronte, a escuadra albivermella acadaba unha porcentaxe de vitorias do 41% —o único dos 20 na nómina por amais do 40%— e presentaba unha media de puntos de 1,52.
O seguinte no ránking de regularidade é Luis Milla (1,38), a primeira aposta para o banco do actual presidente, e o podio complétao Mehdi Nafti, cuxa media de puntos por partido foi de 1,36 na tempada 2020/2021. Alberto Monteagudo, Luis César Sampedro, na súa segunda etapa, Hernán Pérez, Fran Justo, Joan Carrillo e Íñigo Vélez foron os técnicos cunha media por baixo da unidade.