Alves: «Estou feliz pola vitoria, pero temos que mellorar cousas»

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

CDLUGO

ANTONIO GARCIA / LOF

Ao adestrador do Lugo non lle gustou a primeta parte dos seus

17 feb 2024 . Actualizado ás 23:45 h.

O adestrador do Lugo, Paulo Alves, acabou satisfeito co resultado do partido ante o Teruel, pero foi crítico co xogo do seu equipo nos primeiros 45 minutos. O preparador luso recoñeceu que falaron no descanso de que o choque non podía seguir por eses camiños, porque senón a derrota estaría preto. Destacou o gran traballo do equipo na segunda metade, así como a solidariedade do colectivo á hora de defender o resultado nos últimos instantes do partido.

Alves comezou falando da transcendencia de ter sumado estes tres puntos. «Conseguimos unha extraordinaria vitoria nun campo moi difícil. Xa estabamos avisados. Estou feliz polo triunfo. Necesitabámolo para elevar os índices de confianza», indicou o técnico do CD Lugo.

Foi crítico coa primeira entrega dos seus, que non lle gustou nada. «Temos que mellorar a imaxe que demos na primeira parte. Non foi boa, non estivemos ao nivel que se nos esixe. Se queriamos gañar o partido había que cambiar a actitude e ser máis determinantes na loita polos segundos balóns, algo que non fixemos nos primeiros 45 minutos», engadiu Alves.

E si, houbo charla nos vestiarios no descanso, tal e como apuntou o adestrador luso do Lugo. «Falamos. Comentamos que estabamos perdendo moitos balóns e que deixamos ao adversario xogar só en mediocampo. E se seguiamos así iamos perder», puntualizou.

Esas consignas e esa charla entre o corpo técnico e os futbolistas albivermellos deu os seus froitos na segunda entrega. «Entramos moi ben na segunda parte. E mesmo tras o gol do empate reaccionamos ben e fixemos cousas boas, pero outras non tan ben, polo que temos que mellorar», asegurou.

Resultado xusto?

Á pregunta da súa consideraba que a vitoria era xusta, Alves foi claro. «A xustiza no fútbol é moi relativa. Ou tes un dominio claro e ganas o partido e non pasa nada, pero na maior parte dos encontros é moi difícil ter un dominio moi grande. Entendo que pola segunda parte que fixemos, a nosa vitoria foi xusta. É verdade que o Teruel chegou á nosa área na segunda metade, pero non tivo moitas oportunidades claras. Se nos fixamos só na primeira parte, entón o triunfo non sería xusto», afirmou

Para rematar tivo eloxios para Aguza, aínda que insistiu que o colectivo para el é o importante. «Hoxe o que máis destacou foi Aguza, e iso bo para el e para o equipo. E noutros partidos destacan outros», concluíu Paulo Alves.