O Lugo anuncia a marcha de Djaló, Cristian Herrera e Luis Ruiz

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

CDLUGO

CD LUGO

O club franjirrojo anunciou que non se renovarán os contratos destes tres xogadores e que quedarán libres

01 jul 2021 . Actualizado ás 21:16 h.

O C.D. Lugo anunciou este xoves a marcha de tres xogadores claves da salvación da pasada tempada. Marcelo Djaló, Cristian Herrera e Luis Ruiz non continuarán ás ordes de Rubén Albés para a campaña 2021/2022. Os contratos dos dous últimos finalizaron este 30 de xuño e o club decidiu non ampliar a súa vinculación contractual. No caso de Djaló, con todo, foi o club quen rescindiu o seu contrato, xa que aínda tiña unha tempada máis asinada.

Mediante unha mensaxe publicada na súa web e nas súas redes sociais, o Lugo «quere agradecer aos citados xogadores o seu traballo, profesionalidade, dedicación e esforzo durante o tempo no que defenderon esta camiseta. Do mesmo xeito, deséxanselles os maiores éxitos posibles no plano persoal e profesional para o futuro».

Campadabal renovará

A pesar do que moitos agardaban, no comunicado non se fai referencia á situación de Eduard Campabadal. O catalán era un dos cinco xogadores que o Lugo tiña en propiedade e que remataban contrato o pasado 30 de xuño. Tres dos outros catro, Pita, Canella e Seoane, renovaron fai unhas semanas por unha tempada máis. Herrera, xa fose do equipo, era o restante. Isto parece indicar, polo tanto, que o lateral podería estar a traballar xunto ao seu axente na firma dun novo contrato co conxunto lucense.

O tarraconense chegou a Lugo no verán do ano 2017, procedente do Mallorca, e disputou 122 encontros cos lucenses ata agora, marcando un gol e repartindo 5 asistencias.

As tres baixas, en postos clave

A decisión da directiva de deixar marchar a Djaló, Luis Ruiz e Cristian Herrera abre as portas á incorporación de novas pezas. O club xa anunciou a incorporación de David Mayoral, que substitúe ao «Puma» Rodríguez, que volverá ao Deportivo Alavés tras finalizar a súa cesión, e a de José Antonio Ros, un mediocentro defensivo que chega para renovar a zona, infestada de xogadores veteranos como Pita, Seoane ou Xavi Torres, aínda que non se ten por segura a continuidade deste último, que chegou ao Lugo a tempada pasada bendicido polo técnico daquel momento, Juanfran.

O caso máis sorprendente do capítulo de baixas é o de Marcelo Djaló. A pesar de que tiña aínda un ano máis de contrato, o club decidiu rescindilo. A causa é descoñecida polo momento, pero xa hai voces que apuntan a un posible caso de indisciplina no vestiario, que xa lle fixo perderse unha convocatoria dun partido de liga na pasada tempada. O guineano vaise tras catro tempadas no club, tendo xogado 79 partidos.

A peza máis cobizada no mercado será Cristian Herrera, que viña coqueteando coa súa saída desde hai máis dun ano, e por quen se pelexarán varios equipos de Segunda División.