Pablo Martínez xogará no Lugo tras saír do Dépor

Iván Díaz Rolle
I. Díaz Rolle SAN CIBRAO / LA VOZ

CDLUGO

cedida

O pivote de San Cibrao xogará a División de Honra xuvenil co conxunto branquivermello

31 jul 2020 . Actualizado ás 20:28 h.

Pablo Martínez García (San Cibrao, 2002) relacionarase cos mellores canteiráns do noroeste de España na súa última tempada como xogador xuvenil. Ao fino pivote mariñán non lle faltaron ofertas tras desvincularse do Dépor, e finalmente asinou polo Club Deportivo Lugo, co que competirá no grupo primeiro da División de Honra.

«Tardei bastante en decidirme porque recibín ofertas de clubs importantes tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas», explicou un xogador que deu o salto ao club coruñés desde o Viveiro fai cinco tempadas. Na última delas foi o segundo capitán e o futbolista con máis minutos, 1.649 distribuídos en 21 partidos, nun Deportivo B que marchaba segundo na Liga Nacional.

Compatibilizar estudos

O mediocentro sancibrense de tan só 18 anos seguirá agora nas filas dunha entidade potente e profesional, con equipo en Segunda División. «Ante a situación que atravesamos, preferín quedar en Galicia e o Lugo cumpre case todos os requisitos que quería. Vaime permitir compatibilizar o fútbol e os estudos, ten boa visión de futuro, é moi competitivo e mostrou moito interese en min. Ofreceume todas as facilidades ao seu alcance e é un club moi importante na zona», xustificou Pablo Martínez.

O novo xogador lucensista, con todo, seguirá residindo na Coruña, onde iniciará o dobre Grao en ADE e Dereito tras superar con éxito os exames da ABAU.