Autocrítica no vestiario do Lugo tras a derrota en Soria

La Voz

CDLUGO

oscar cela

O 3-0 supón o revés máis avultado dos lucenses na campaña actual

03 feb 2019 . Actualizado ás 21:50 h.

O Lugo non busca escusas á clara derrota por 3-0 ante o Numancia, a máis avultada que sofre na presente campaña. O equipo marchouse dos Paxariños asumindo a súa discreta actuación e facendo autocrítica para que non volva ocorrer . «Non estivemos ben, aínda que tampouco se pode dicir que o rival nos pasase por amais . Eles tiveron catro ou cinco ocasiones claras e marcaron tres goles que son evitables», razoaba Fernando Seoane ao termo do choque. Na súa opinión, tras un pau así o máis conveniente é «espabilar e pensar no seguinte partido». «Se queremos seguir escalando postos temos que ser máis regulares. Agora toca outra vez gañar en casa para distanciarnos da zona de perigo», engadiu o aguerrido centrocampista de Ames.

O Real Zaragoza será o seguinte obstáculo no camiño do Lugo. O sábado, a partir das 20.30 horas, visitará o Anxo Carro un equipo que, en contra do que cabía agardar, tamén mira con inquietude aos postos de cola. «Vai ser moi complicado porque é un equipo feito para estar arriba e que está abaixo por circunstancias. Pero este Lugo é forte en casa e temos que demostralo», sinalou Manu Barreiro tras o seu debut como branquivermello nos Paxariños. E tras recoñecer que o seu equipo apenas puxo en aprietos ao porteiro do Numancia, sentenciou: «Temos xente suficiente para crear perigo e ser protagonistas dos partidos tanto fose como en casa, así que hai que tratar de conseguilo».