0003_202402C4C2992

Sheila Rial: «Nós imos con alegría, ilusión, con propostas e con experiencia»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Ana García

Entrevistas aos candidatos da Costa da Morte | A concelleira socialista de Zas salta á política autonómica

04 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Sheila Rial Mata (Andragalla, Lamas, 1994) leva uns meses frenéticos de estreas políticas. Primeiro, na vida local, como candidata e logo como concelleira en Zas, e agora, na lista do PSOE ao Parlamento de Galicia. Vai no posto número 15 pola provincia da Coruña.

—Pouca experiencia política, pero xa moito traballo de primeira liña. Como afronta esta nova situación?

—Con moita ilusión e alegría, a agradecida por que o partido e José Ramón [Gómez Besteiro, o candidato á presidencia] confiasen en min. Si que é a primeira vez que vou na lista, nese sentido estréome, pero xa teño experiencia no traballo no partido, de maneira interna.

—Aínda así son sensacións distintas, non?

—Si que son. Agora estou facendo campaña de maneira máis directa, nun proxecto no que creo e no que confío totalmente.

—E cre que dende un pequeno concello como é Zas pode aportar algo á candidatura?

—Claro! O propio candidato é que se preocupou de que formemos parte do seu equipo xente dos concellos e das comarcas, no meu caso de Zas e da Costa da Morte, xunto con outros compañeiros da nosa zona que tamén van na lista, como por exemplo Fabián Canosa, de Camariñas, que vai no sexto lugar. O PSOE preocúpase por estas cousas, nós representamos á nosa comarca e miraremos por ela.

—E que quere ou pode facer, tanto por Zas como pola Costa da Morte? Que temas afectan?

—Hai moitos, que tocan tanto a Zas como a resto de concellos da comarca. Un deles é a autovía, e as peaxes. É moi importante. Hai moita xente de Zas e dos demais concellos que teñen que pagar peaxes para ir a traballar, e iso supón un gasto importante a maiores. Hai que poñer remedio a isto e ímolo facer, porque Besteiro será o presidente, hai aire de cambio, a xente quere cambio. O mesmo coa sanidade pública, aquí e en toda Galicia.

—Como percibe a campaña?

—Aínda acaba de empezar, o que houbo ata agora foi precampaña. vexo a un PP moi nervioso, non fixo as cousas ben, e fai promesas que non vai cumprir. O que non fixo en 15 anos vaino facer en catro. E prometendo cousas polas que votou en contra, como a matrícula gratuíta. E o BNG, na súa liña, copiando programas de campañas, sen propostas. Nós imos con alegría, ilusión, con propostas e con experiencia.

A quiniela de Sheila

35 PP, 24 PSOE e 15 BNG 1 DO