Castelo en pé, Vimianzo vivo que M.O.L.A.

La Voz CARBALLO

VIMIANZO

Arrancou con forza a fin de semana do novo festival vimiancés

06 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É resistencia gardar a identidade, e de resistencia comezou falándose onte no castelo de Vimianzo no arranque da fin de semana de festival Vimianzo M.O.L.A. Castros, deuses galaicos, especificidade das fortalezas galegas e lendas pasaron pola conversa de Manuel Rial e Manuel Gago con Alba Mancebo. «Mentres o castelo exista, Vimianzo seguirá vivo», dixo do seu lado Xosé Ameixeiras na presentación de As voces da terra, da autoría de Patricia Blanco, publicación de La Voz con motivo das Letras Galegas 2025. Quen son as ninguén e todo o que lle debemos, como se xuntaron distintos estilos nunha obra, quen foron Rosa, Adolfina, Eva ou Pandeireteiras de Mens ou que se debe facer para que a raíz «prenda» e haxa futuro foron algunhas das cuestións tratadas sobre esta obra que é reivindicación do propio, do rural e dos nosos, de quen vimos. Unha cultura en si mesma, «un xeito de vida», como a que Pablo Castiñeira abordou, a continuación, na presentación de Somos Hip Hop, libro con ilustracións de David Brei producido polo colectivo Vella Escola, tamén con presenza no festival con catro murais, dous xa rematados onte. É este o primeiro libro deste xénero escrito en galego, e o primeiro do mundo con realidade aumentada .E libros, dende logo, non faltaron onte na capital de Soneira. Na presentación de Indolente, o xornalista Alberto Mancebo, vimiancés, anunciou que Os tres nomes da Sartegua, obra de pouso 100 % vimiancés, estará dispoñible, se todo vai ben, para o próximo M.O.L.A: «Exclusiva!». Socio número 5 da biblioteca municipal, afirmou que a lectura e ter libros na casa «abre ventás». «A cousa non é que pase nada se non les, é que pasa se les», dixo ao fío desas recentes declaracións da influencer María Pombo. Cousas para rir, e diso sabe Avelino González, quen regou con oralidade o venres, como antes xa fixera Vero Rilo.

Máis programa

Hoxe

11.00: Visita guiada ao Castelo a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns.

17.00: apertura da feira de libros.

17.00: presentación do libro «Ángeles acusadores», de Diego Garrote.

17.45: presentación de «Xoán Branco e a gran revolta irmandiña», de Fran Zabaleta, e de «1809. Galicia en armas», de Eduard Rolland.

18.30: espectáculo de narración oral co Mago Teto, «As nosas letras».

19.30: encontro literario con Ledicia Costas e Pedro Feijoo, moderado pola xornalista Patricia Blanco.

20.30: presentación de «El rebaño», de Pablo Rivero, con Patricia Blanco.

20.30: clube de lectura infantil sobre «A Señorita Bubble», de Ledicia Costas.

Mañá

12.00: representación de «Viaxe no tempo, a historia dramatizada do Castelo».

17.00: apertura da feira de libros.

17.00: presentación e sinatura de libros de Rebeca Stone, con Patricia Blanco.

17.00: espectáculo «Travesía Unicornio», de Teatro Ghazafellos, e sinatura de libros con María Canosa.

17.30: presentación do libro «Miñán», de Amets Arzalluz e Ibrahima Balde, na compaña de Patricia Blanco.

18.30: presentación de «Alicia no labirinto das sombras», de Guadalupe Vázquez Formoso, tamén con Patricia Blanco.

19.30: charla de Manuel Rivas «Escribir na Costa da Morte» e clausura.

* Clube de lectura adulto arredor de «Tras do ceo», de Manuel Rivas.