Piden á Xunta que entregue os títulos da concentración parcelaria de Carnés e Cereixo
VIMIANZO

O BNG sostén que os veciños levan agardando desde o 2020, ano no que rematou o proceso administrativo
06 sep 2025 . Actualizado á 13:17 h.O BNG de Vimianzo volve preguntar no Parlamento de Galicia polo atraso na entrega dos títulos de propiedade notariais correspondentes á concentración parcelaria de Carnés e Cereixo. Segundo o grupo, o proceso administrativo de reorganización do territorio concluíu no 2020, e con todo os títulos non foron aínda entregados aos máis de mil propietarios involucrados.
A través de iniciativas presentadas polo deputado Óscar Insua, o grupo interesarase por que prazos manexa a Xunta, e sobre posibles problemas ou inconvenientes que xurdisen polo camiño e poidan xustificar esta demora.
«Non pararemos ata dar solución a este retraso, que consideramos inxusto», sostén Benjamín Queiro, portavoz dun grupo que xa no principio do ano impulsou unha recollida de firmas e participou, onda Insua, nunha reunión coa Xefa de Servizo de Estruturas Agrarias da Coruña, Belén Mosquera. Naquel momento, a funcionaria trasladoulles que a Administración autonómica estaba a traballar para poder entregar os títulos «este 2025», e que o atraso se debía a «cuestións técnicas» que había que corrixir.