Adeus a Francisco Lema, de Casa Paco de Pasarela: «Fóisenos a persoa de maior idade do pobo, cun carácter moi bo»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Iglesia de San Xoán de Calo
Iglesia de San Xoán de Calo Ana Garcia

Fundador da que foi taberna-ultramarinos e tamén emblemática casa de comidas, faleceu este venres aos 99 anos. O funeral será na tarde deste sábado 2 de agosto

02 ago 2025 . Actualizado á 15:33 h.

Incluso os nados a finais dos setenta, non tan maiores, lembran tempos nos que na parroquia de San Xoán de Calo, en Vimianzo, había ata sete tabernas. Con todo, Casa Paco, en Pasarela, foi sempre un emblema. Este 1 de agosto faleceu, aos 99 anos de idade Francisco Lema Soto, impulsor do negocio xunto coa súa esposa, Sofía Moreira Lema, falecida xa no 2016. A «señor Paco», como o coñecían, daráselle este sábado o último adeus, cun funeral de corpo presente previsto para as seis da tarde na igrexa parroquial. Os seus restos vélanse no tanatorio San Vicente de Vimianzo, na sala número 3, con saída fixada para as 17.45 horas. Deixa dous fillos, Manolo e Marité Lema Moreira. 

Casa Paco foi inicialmente taberna-ultramarinos, despois evolucionada a casa de comidas, lugar de parada e peregrinaxe de pescadores e cazadores chegados de máis alá da Costa da Morte, polo bo facer que Marité, filla de Sofía e Francisco, tiña nos fogóns. Unha cualidade herdada da súa nai, sen dúbida. Outrora, Casa Paco era, en realidade, o núcleo ou centro comercial, onde tanto compraba o sal para salgar a carne, como penso para os animais, alimentos para as casas, produtos de estanco e ata pezas de roupa para o día da festa. Un lugar para a reunión comunitaria polas tardes que, como di a socialista Paula Mouzo, veciña, «botamos moito de menos». «Para min como veciño señor Paco era o máis. Váisenos a persoa máis maior do pobo, e cun carácter moi bo, unha familia moi querida», lembrábao este sábado.