Pecha a escola infantil de Castromil, en Vimianzo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Escuela de Castromil, en Salto, Vimianzo
Escola de Castromil, en Salto, Vimianzo CONCELLO DE VIMIANZO

Xa non funcionará o próximo curso, por baixa matrícula, avanzou este mércores a Xunta

23 jul 2025 . Actualizado á 20:15 h.

A Xunta de Galicia emitiu este mércores un comunicado informando da adaptación do mapa escolar «á evolución demográfica» de cara ao próximo curso. Iso, na práctica, significa que deixarán de funcionar sete unitarias, por falta de alumnos, mentres que alí onde crece a matrícula construiranse centros (tres novos) e faranse obras de ampliación en 18 concellos.

Así, e «debido á matrícula insuficiente e sen previsión de crecemento» non prestará servizo para o próximo curso 2025/2026 a escola de Castromil, en Vimianzo, para a que habería só tres nenos que xa teñen praza agora, traslada a Xunta, no centro de referencia máis próximo. Na mesma situación están as escolas da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, un neno), Romariz (Soutomaior, tres nenos), Seráns (Porto do Son, tres nenos) e Negueira de Muñiz (catro nenos).

Todas estas unitarias, cuxa relación será publicada en breve no DOG, non acadan o número mínimo de cinco alumnos que a Xunta, lembra, rebaixara xa nos últimos cursos (anteriormente estaba establecido en seis). Por contra, entre os concellos onde se amplían instalacións, segundo Educación, está Fisterra: hai obras en marcha no colexio Mar de Fóra. 

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, explica que aínda non tiña comunicación oficial deste peche en Castromil, aínda que si coñecía «ou ruxerruxe». Levaban varios anos intentando «sobrevivir» en matrícula, e puideron facelo este último curso grazas en parte a unha familia que regresou de Suíza e a outra mudada desde Ordes. «Tratabamos de dar alento para mantela viva, eu particularmente estou moi a favor das escolas unitarias, pero tamén entendo que ten que haber unha responsabilidade no gasto. Non é algo que me guste, pero...», valorou a rexedora.

Fai tan só un par de anos que o Concello mellorou o inmoble, cuberta, impermeabilización, carpintería exterior, fachada, o parque... O edificio tamén alberga actividades sociais e municipais: «Gustaríanos, non obstante, que puidese seguir funcionando como escola». Ten o centro longa historia, foi nas súas aulas onde deu clase a inesquecible profesora Carmen Neira Marcos. Segue na memoria e tamén no nome dunha moi activa asociación veciñal.