Tarde de feitizo nun castro

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

BASILIO BELLO

03 jul 2025 . Actualizado a las 11:21 h.

Vimianzo anda atarefado estes días por mor da revolta irmandiña. Vese á xente ilusionada polas rúas, nunha ledicia colectiva e con invasión de establecementos polos pinchos irmandiños. Non hai festa sen gastronomía ao xeito e os bocados inspirados na cociña precolombina teñen gancho. Vimianzo, a capital dos fogóns do Medievo. E xa andan preparando os manxares para a gran cea medieval, o banquete do pobo a pé dos carballos que abrigan a vella fortaleza.

Pero xa o venres houbo na vila ambiente festeiro, sobre todo despois da Legua irmandiña, un acontecemento colectivo que fai inchar o peito. E o sábado continuou a ambientación coa conferencia de Manuel Gago sobre os mitos da revolta. E pola tarde o escenario dos actos foi o Castro das Barreiras, no que a lenda di que hai un túnel ata o castelo vimiancés. Tito Concheiro, arqueólogo director das escavacións, é o gran druída deste poboado.

Non só é quen de falar do traballo de investigación no xacemento, senón que, seguindo a súa disertación, é ben fácil de imaxinar como eran e como vivían os que fundaron este gran recinto, no que este ano sacaron á luz os restos doutra vivenda. Fíxolle imaxinar aos presentes a vida nesa aldea, creada no medio dunha agra farturenta. A actividade estaba programada dentro do Festival Atlántica, que tivo como gran remate unha contada a cargo de Cándido Pazó, que fixo rir a cachón a tódalas persoas malia a viruxe que se levantara despois dun día de san Pedro de calor e cheo de festas polos arredores. Mentres o público vivía con paixón o feitizo do castro, ao lonxe estalaban as foguetes.