
Vimianzo procederá a este simbólico momento este sábado ás 11.00. Conta atrás para o verán e para o Asalto
14 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ás 11.00 horas deste sábado 14 de xuño procederase en Vimianzo, no castelo, ao tradicional despregue do pendón irmandiño, así como á presentación da nova tempada da Mostra de Artesanía en Vivo na fortaleza. Estarán presentes a alcaldesa, o deputado Xosé Lois Penas, e representantes de Cherinkas e de Axvalso.
No tocante á Mostra de Artesanía, xa se coñeceu onte que obradoiros e visitas teatralizadas volverán ser un dos atractivos do municipio este estío. Están programadas as sesións teatrais para os días 6, 13, 20 e 27 de xullo, así como 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto, ademais de 7 e 14 de setembro, sempre ás 12.30 e 17.00, de balde e con inscrición previa en formulario web.
Os obradoiros, doutro lado, botarán a andar xa o vindeiro 21 de xuño, en torno ao liño. Seguirán co vidro (12 de xullo), palillada (19), barro (26), barcos e nasas (2 de agosto), novamente liño (16), barro outra vez (23), palillo (30) e arte en palla (6 de setembro). Aspadex rematará as veladas con encadernación, xa o día 13 de setembro. As inscricións nos talleres han de facerse en www.vimianzo.gal/turismo, con prazas limitadas a 12 persoas. Os menores de 8 anos deberán estar acompañados sempre de adultos.